A EPAPU Río Lérez recibe o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas convocado pola Consellería de Cultura e Educación [1]
O secretario xeral de Política Lingüística entregou o galardón polo traballo “Filgueira rima con Armenteira” nun acto celebrado hoxe no propio centro educativo
O centro para adultos obtivo o galardón na modalidade de Educación Secundaria, Formación Profesional, Bacharelato e Ensinanzas Especiais, mentres que en Educación Infantil e Primaria resultou premiado o CEP Salustiano Rey Eiras pola proposta “Traballando co vello profesor”
Máis de 2000 entidades de Galicia e do exterior recibiron os xogos de carteis e as propostas didácticas premiadas para dárenlle difusión á vida e á obra de Xosé Filgueira Valverde
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entregoulle esta tarde ao alumnado e ao profesorado da EPAPU Río Lérez o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2015 na modalidade de Educación Secundaria, Formación Profesional, Bacharelato e Ensinanzas Especiais polo traballo “Filgueira Rima con Armenteira”.
Valentín García deulle os parabéns ao centro premiado pola "súa capacidade para sintetizar en 10 carteis a vasta e variada obra de Filgueira Valverde e transmitir así a importancia deste autor na construción da Galicia presente e futura". O secretario xeral quixo chamar a atención tamén sobre a "completísima guía didáctica" elaborada para acompañar e complementar a exposición, na que "o profesorado atopará ferramentas para sacarlles todo o partido posible aos carteis e axudar o seu alumnado a comprender a trascendencia de Filgueira para a lingua, para a literatura e, en xeral, para a cultura galegas".
No acto estiveron presentes, a canda o secretario xeral, o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís; o xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación, César Pérez Ares; a deputada provincial de Cultura, Isabel Vázquez Reboredo; o director da EPAPU Río Lérez, Carlos Manuel Medina Filgueira e o presidente da Fundación Filgueira Valverde, José Fernando Filgueira Iglesias.
Difusión da obra e do tempo de Filgueira Valverde
O Concurso-exposición Letras Galegas, cuxo premio na modalidade de Educación Secundaria, Formación Profesional, Bacharelato e Ensinanzas Especiais se lle entregou hoxe á EPAPU Río Lérez –no caso de Infantil e Primaria resultou galardoado o CEP Salustiano Rey Eiras–, forma parte das actividades que desenvolve a Consellería de Cultura e Educación en lembranza de Xosé Fernando Filgueira Valverde.
A finalidade desta convocatoria é promover no alumnado a reflexión arredor da situación sociolingüística da lingua propia de Galicia na época do autor homenaxeado o 17 de maio e o coñecemento da súa contribución ao avance do galego. Deste xeito, ponse en valor o traballo a prol do idioma e asemade enriquécese a oferta de materiais en lingua galega de que dispoñen centros educativos, lectorados e outras institucións e entidades.
Con este obxectivo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística imprime as mostras gañadoras e distribúeas a máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, entidades da Rede de Dinamización Lingüística, Rede de Centros de Estudos Galegos, centros da emigración, bibliotecas e asociacións, entre outros. Ademais, as láminas, as guías didácticas e os marcapáxinas que conforman estes proxectos están accesibles para a súa descarga no web www.lingua.gal [2].