Acreditación de competencias. Solicitudes e inscrición 2020

A solicitude de participación no procedemento deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e requirirá da cumprimentación previa dos datos na aplicación informática que se atopa no enderezo www.edu.xunta.es/acreditacion desde onde deberá xerarse o formulario normalizado. Isto significa que deberemos:

  • Rexistrar a solicitude empregando a aplicación informática de xestión do procedemento.
  • Presentar a solicitude mediante a sede electrónica da Xunta de Galicia.

O rexistro da solicitude na aplicación informática (www.edu.xunta.es/acreditacion) e a súa presentación na sede electrónica deberán realizarse obrigatoriamente por medios electrónicos, polo que necesitará autenticarse, e xa que logo, será necesario posuír algún dos certificados electrónicos admitidos ou darse de alta no sistema Chave 365. Neste último caso poderase empregar calquera das vías que se establecen no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/chave365/que-e onde se indica o procedemento, medios e lugares para a súa obtención.

De utilizar a Chave 365 para autenticarse e presentar a solicitude saiba que tamén lle permitirá asinar a documentación requirida. No caso doutros certificados dixitais ou DNI electrónico necesitará descargar e instalar a aplicación "Autofirma" no seu ordenador.

O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o día 13 de xaneiro ata o 7 de febreiro de 2020, ambos os dous incluídos.

Procedemento para rexistrar unha solicitude (Obrigatorio mediante a aplicación informática)


O rexistro da solicitude deberá realizarse mediante a aplicación informática de xestión do procedemento que se atopa no enderezo www.edu.xunta.es/acreditacion. Ao igual que para as convocatorias anteriores, realizarase a carga de datos relacionados coa formación e/ou coa experiencia profesional que se alega, así como daqueles relacionados co historial profesional e formativo. Recorde que para entrar na aplicación informática deberá autenticarse primeiro.

Na páxina de inicio da aplicación atopará a información necesaria para rexistrar a solicitude e completala e sobre a carga dos datos requiridos. Cando remate deberá premer na pestana "Pechar e enviar solicitude". Na aplicación abrirase unha ventá para conectar coa sede electrónica (non se poderá imprimir a solicitude para presentala).

Procedemento para presentar a solicitude rexistrada (Obrigatorio por sede electrónica)


O proceso de presentación da solicitude é moi sinxelo. Despois de pechar a solicitude, a persoa interesada deberá premer na opción "enviar a sede electrónica" e nese momento accederá a esta plataforma (no enderezo https://sede.xunta.gal) na que deberá asinar a solicitude empregando algún dos certificados electrónicos admitidos ou, como se dixo, a Chave365.

Cada participante cubrirá unha única solicitude. Poderá elixir unha ou varias unidades de competencia das que se convocan, sempre que estean incluídas nun mesmo ciclo formativo e se desenvolvan nunha mesma sede.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento


A documentación requirida deberá presentarse, xunto coa solicitude, obrigatoriamente por sede electrónica. Deberase por tanto, xuntar un escaneado da correspondente documentación acreditativa do xeito que se lle indica na sede electrónica. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Se algunha das persoas solicitantes presentara a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende, a través da súa carga na aplicación informática e posterior presentación electrónica.

De non presentar a solicitude e documentación consonte o establecido anteriormente, as solicitudes serán excluídas do proceso de admisión.

A continuación detállase a documentación que deberá presentarse xunto coa solicitude para cada caso:

Para todos os solicitantes:

  • Currículo no formato Europass. Poderase xerar desde a aplicación cos datos incorporados nas pestanas de formación, experiencia e historial profesional e formativo.
  • Copia dos certificados que acrediten a formación alegada, nos que consten os contidos e as horas de formación e o organismo que a acredita.

Para os solicitantes que reúnan os requisitos pola vía da experiencia laboral:

- Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores e traballadoras asalariados:

  • Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña, ou da mutualidade laboral na que se teña afiliación, onde consten a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación (informe de vida laboral).
  • Copia dos contratos de traballo.
  • Certificado da empresa no que se adquirira a experiencia laboral, no que se reflicta especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, a actividade desenvolvida e o intervalo de tempo na que se teña realizado a devandita actividade segundo modelo de anexo V.

- Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia:

  • Certificado da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña dos períodos de alta na Seguridade Social no Réxime especial correspondente.
  • Descrición da actividade desenvolvida e intervalo de tempo no que se realizou adaptado ao modelo de anexo V.

- Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores ou traballadoras voluntarios ou bolseiros:

  • Certificación da organización onde consten as actividades e funcións realizadas e o número total de horas adaptado ao modelo de anexo V.

- Solicitantes que non poidan xustificar a súa experiencia acolléndose ao artigo 6.2:

  • Calquera outra documentación de carácter laboral e/ou formativo que sirva como proba potencial da competencia que se pretenda demostrar e permita contrastar os requisitos.

Destacar que o certificado de empresa xérase, no formato establecido, desde a aplicación informática a partir dos datos cargados, do mesmo xeito que o currículo CVE.

Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.

Comprobación de datos


A consellería comprobará automaticamente todos aqueles datos aos que a persoa solicitante autorice expresamente na súa solicitude, polo que non tería que achegar ningún documento acreditativo deses datos (DNI/NIE, no caso de persoas estranxeiras, certificado de residencia en España, discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia e situación actual de desemprego).

Os documentos requiridos, en caso de non autorizar a comprobación de datos, refírense ao DNI/NIE; ao permiso de traballo, certificado do rexistro de cidadán ou cidadá comunitario/a ou tarxeta familiar de cidadán da Unión Europea, ou no seu caso, copia do pasaporte en vigor (o que proceda en cada caso); ao certificado de discapacidade, para o caso de solicitar algunha adaptación ou a exención de taxas; e ao certificado de desemprego para o caso de solicitar a exención de taxas.