Novas da Rede

Visita da cociñeira italiana María Antonietta Santoro ao IES de Foz

Entre os días 3 e 10 de marzo de 2018, Maria Antonietta Santoro, cociñeira de "Il Becco della Civetta" situado en Castelmezzano, Basilicata, Italia, impartirá cursos de cociña italiana no IES de Foz e aproveitará para coñecer a comarca, e o tecido empresarial ligado á hostalería.

Esta visita está enmarcada dentro do Programa Erasmus+ KA102, financiado pola Unión Europea que este ano conta como novidade coa posibilidade de traer a empresarios de outros países da comunidade a impartir formación a centros do noso país.

O IES de Foz participa por segundo ano consecutivo nunha mobilidade á rexión de Basilicata, tanto de alumnado como de profesorado, froito da cal xurdiu esta colaboración.

Maria Antonietta Santoro impartirá formación a alumnos do centro relacionada con elaboración de pasta ou doces típicos italianos: “pastiere napolitana” ou “mousse de ricotta”, entre outros. O martes 6 de marzo o alumnado de 2º de Cociña e gastronomía elaborará unha carta italiana, con un menú proposto pola cociñeira italiana baseado nos seus pratos máis coñecidos: “Purea de fave e cicoria” ou o prato que presentou na “Expo de Milán”: “Strascinati Expo”, tamén “Agnello con patate al forno”. De sobremesa unha “Mousse de ricotta” elaborada polos alumnos de 2º de Dirección de Cociña. O mércores pola tarde os profesionais da hostalería da Mariña, a través da “FECAM”, poderán elaborar pratos típicos da rexión de Basilicata. O xoves e o venres realizarase un curso de formación regrada para profesorado de hostalería de oito horas de duración.

No tempo libre están previstas visitas a empresas relacionados co sector da hostalería, que nutren ao noso centro de produto, como a lonxa de Burela ou o Museo da Faba de Vilanova de Lourenzá. Aproveitará para coñecer a comarca e visitar Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro e Foz.

Unha xornalista de "La Repubblica" realizará un seguimento de toda a viaxe para o seu medio, contando o aprendido. Toda esta viaxe está subvencionada polo programa Erasmus+.