Novas da Rede

Estrea dunha cociña de última xeración no CIFP Carlos Oroza

O CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra, dá un paso máis na súa aposta pola innovación no ámbito da Formación Profesional coa posta en marcha dunha nova aula de I+D de última xeración coa que o alumnado dos ciclos das familias de industrias alimentarias e de hostalaría e turismo recibirá unha formación de maior calidade.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou no acto inaugural desta aula, concibida como un espazo polivalente que funcionará como centro de formación e no que se poderán realizar tamén tarefas de investigación e innovación culinaria, e exposición de produtos. Ademais da formación do alumnado do centro, acollerá tamén de xeito puntual clases maxistrais de recoñecidos profesionais do ámbito da hostalaría e a restauración, así como formación continua para traballadores.

A aula de I+D está dividida en dúas partes, unha de cociña e outra que é unha grada con capacidade para 60 persoas, desde a que poden asistir a demostracións e showcookings, entre outras actividades. A zona de cociña está dotada cos elementos máis innovadores como electrodomésticos, un forno de última xeración, placa de indución, prancha xaponesa e grella.

No acto inaugural o conselleiro Román Rodríguez estivo acompañado do director do CIFP, Manuel Hermo; do secretario xeral técnico da consellería, Jesús Oitavén; do director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, entre outros. Ademais, o ex alumno do centro e na actualidade xerente de varios negocios de hostalaría en Pontevedra, Rubén González Vallejo, fixo unha exposición gastronómica; mentres que Diego López, colaborador do CIFP, expuxo unha interpretación do cocido de Lalín.

Aula I+D no CIFP Carlos Oroza
Aula I+D no CIFP Carlos Oroza
Aula I+D no CIFP Carlos Oroza
Aula I+D no CIFP Carlos Oroza
Aula I+D no CIFP Carlos Oroza
Aula I+D no CIFP Carlos Oroza