Novas da Rede

III Campionato de sumillería "Suso Domínguez"

O CIFP Carlos Oroza celebra hoxe, xoves 3 de marzo, o III Campionato de sumillería “Suso Domínguez”. O evento dará comezo ás 9 horas coa primeira proba, un cuestionario específico sobre a DO Ribeira Sacra, que os participantes realizarán nunha das aulas do centro. A segunda proba tamén terá lugar no centro no centro, a identificación de olores, “nez du vin 54 aromas”.

O concurso, patrocinado pola adega da Ribeira Sacra Ponte da Boga, continuará a partir das 12 horas no auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe, a onde se trasladará todo o alumnado do centro, colaboradores e autoridades convidadas para dar paso á identificación dun viño da DO Ribeira Sacra entre 5 referencias dadas. Posteriormente cada participante realizará unha proba de decantación tipo aireado co que rematarán a súa participación no concurso.

Haberá unha demostración de degüelle e apertura dunha botella de viño con sable, característico do servizo en Portugal, que será realizado por unha das escolas portuguesas, e antes da entrega de premios o grupo galego de baristas Kanalla Coffee, amosará as súas habilidades co café.

O punto e final á xornada no auditorio será a entrega de premios ao gañador e o discurso das autoridades convidadas.