Entrega de premios a proxectos de empresa Eduemprende Idea 2015
O Centro de Innovación Cultural, da Cidade da Cultura de Galicia, acolleu hoxe a entrega dos premios a proxectos de empresa Eduemprende Idea, correspondentes ao ano 2015, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e co asesoramento técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
O acto contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Don Román Rodríguez González, acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Ordenación Educativa, Don Manuel Corredoira López, o director da Área de Competitividade do IGAPE, Don Norberto Penedo Rey e a subdirectora xeral de Formación Profesional, Dona Eugenia Pérez Fernández.
O programa IDEA , que é unha actuación enmarcada no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia "Eduemprende", articúlase como un concurso que nace co ánimo de impulsar o espírito emprendedor e a posta en marcha de proxectos empresariais entre o alumnado dos ciclos formativos de Formación Profesional, e das ensinanzas deportivas e de artes plásticas e deseño da nosa comunidade autónoma. Estes premios levan consigo a incorporación ás instalacións e aos servizos da Rede de Viveiros de Empresa en Centros Educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e o asesoramento técnico do persoal do IGAPE, así como unha dotación económica que facilitará a posta en marcha destes proxectos.