Proxectos de Ciclo Superior: Feito por Laura

O PROXECTO DE LAURA

 

A industria téxtil é a segunda máis contaminante do planeta. “Feito por Laura” é o nome escollido por Laura para o seu proxecto e o seu obxectivo é facer que a xente sexa consciente da falla que fai que a industria téxtil mude cara o sostible. Entendemos por moda sostible aquela rama da industria da moda que ten en conta os custes económicos, sociais e medioambientais que supón a produción da moda. O movemento que iniciou a moda sostible foi o slow fashion que pretende conseguir unha redución da produción co fin de evitar a sobre explotación dos recursos naturais e humanos, por outro lado unha diminución do consumo, prolongando a vida útil das prendas. 

O Proxecto de Laura céntrase na realización de roupa feminina ecolóxica de alta calidade con tecidos de fibras naturais, suaves e hipoalerxénicas cuns prezos axeitados. Laura xa ten unha ampla experiencia no sector téxtil, co cal, viu a necesidade no mercado dunha roupa máis sostible, de máis calidade e cuns deseños innovadores. Os eixos principais de “Feito por Laura” son: 

-Emprego do algodón orgánico certificado GOTS de comercio xusto nos seus tecidos, fíos, etc... xa que non se traballa con outras fibras. 

- Unha liña de deseño actual, moderna, colorida e atrevida, debido a que moitas das empresas que abundan no mercado téxtil sostible non compren con estes requisitos, xa que falta deseño. 

-Todo o proceso produtivo é realizado a man en Galicia, o deseño, a patronaxe, o corte, a confección e os acabados. 

-Os materiais para a realización das prendas son comprados a pequenos comercios e tendas online de toda España. O provedor máis destacado de “Feito por Laura” é Nastasianash, unha pequena tenda de Valencia que vende tecidos online e con tenda física. 

-Para variar e renovar a imaxe da marca fanse coleccións que poden ser unisex ou inclusive que leven nais e pais a xogo cos seus fillos. 

O emprego do algodón orgánico certificado baixo o Estándar Téxtil Orgánico Global (GOTS) quere dicir que: 

- As sementes non foron modificadas xenéticamente (GMO). 

-Non se empregaron pesticidas nin outro químico que puidesen resultar tóxicos para a terra, persoas ou especies animais. 

-Os químicos en si empregados na cadea de subministro (xa sexan aditivos, lixivia, tintes, fixadores, estampados… ademais dos niveis de toxicidade destes químicos), necesitan cumprir cos estándares GOTS. 

Laura decidiu que o lugar máis axeitado para poñer en marcha este proxecto sostible é o baixo da súa casa, xa que ten moito significado para ela. Antigamente era un alpendre onde o seu bisavó e o seu avó gardaban os seus barcos de pesca, hoxe en día restaurado, un lugar axeitado, xa que gracias a internet, as ventas poden facerse de xeito online e así Laura non ten que abandonar o seu pobo natal. 

Presenta un conxunto dunha blusa e un peto multiposición. Os tecidos e fíos empregados son de algodón orgánico certificado GOTS mercados en Nastasianash. Blusa cun volante fruncido no colo, costadillo francés inclinado cara o centro dianteiro e centro da espalda onde están trasladadas a pinza de peito e talle no dianteiro e pinza de talle nas costas. Manga acampanada, goma elástica a 8cm do baixo da manga para axustar a manga ó brazo. Volante do colo, volante do costadillo francés e baixo da manga rematados con rulino ou cordoncillo. Os volantes do costadillo francés están colocados de tal xeito que coinciden como unha prolongación do peto da prenda inferior cando a persoa ten vestidas as dúas prendas. Peto longo mini, forrado, a parte superior do peto está forrada no seu interior co tecido da blusa para cando se baixa faga conxunto coa blusa, petos nos costados do dianteiro. Cinturilla recta con cruce para botón e ollal, tirantes con pespunte ó canto, cremalleira visible no costado de 25cm, baixo do peto rematado con puntada invisible.