Skip to Content

NORMAS XERAIS CURSO ESCOLAR 22/23

 

BENVIDA AO NOVO CURSO!

Xa estamos de volta un ano máis! Este curso escolar temos novo equipo directivo, polo tanto gustaríanos presentarnos mediante unha REUNIÓN XERAL PARA AS FAMILIAS que terá lugar o MARTES 6 DE SETEMBRO ÁS 11:00 HORAS NO COLEXIO. 

Posteriormente terán lugar as reunións coas titoras de cada grupo.

 

COMEDOR

As familias que queirades solicitar o comedor para o curso que vén, tedes xa dispoñibles os impresos no centro. Tamén volo deixo no arquivo adxunto.

Estarei na escola tódalas mañás ata o día 11 de xullo, de 10:00 a 14:00.

TRANSPORTE ESCOLAR

 As familias que queirades solicitar novas paradas de transporte ou queirades cambiar as que tedes (de máis de dous km.), pasade polo centro antes do 1 de xullo. Os que tedes paradas de máis de dous km., e non queredes facer ningún cambio, non tedes que facer nada.

 

Os que queredes paradas de menos de dous km. de distancia do centro escolar tedes que solicitalo a través do  impreso que vos adxunto, que tamén podedes recoller na escola.

 

Entregade o impreso na escola antes do día 11 de xullo. Estaremos alí tódolos días ata o 11 de xullo en horario de 10:00 a 14:00.

 

 

Admisión de alumnos e alumnas novos

Segundo a orde 12 de marzo de 2013, que regula o procedemento de admisión do alumnado en centros sostidos con fondos públicos e o Decreto 13/2022, do 3 de febrero que regula a admisión en centros docentes sostidos con fondos públicos.

 VACANTES

 O número de vacantes no noso centro para o vindeiro curso 2022-2023 é o seguinte:

Curso

Vacantes

4º de infantil

25

5º de infantil

12

6º de infantil

5

1º de primaria

27

2º de primaria

6

3º de primaria

7

4º de primaria

5

5º de primaria

5

6º de primaria

6

 

 

PRAZOS

O alumnado de sexto  fixo xa a reserva de praza no caso dos que van ir  ó IES de Monterroso. No caso dos nenos/as de sexto que queiran ir a outro instituto deberán facer a reserva de praza en marzo.

Do 1 ó 21 de marzo é o prazo para presentar no centro as solicitudes de admisión para novo alumnado que se incorporará ó centro no vindeiro curso. Antes do 25 de abril o centro publicará a listaxe de alumnos admitidos e non admitidos de maneira provisional. A partir da publicación haberá cinco días hábiles para formular reclamacións. Antes do 15 de maio publicarase a listaxe oficial de alumnado admitido e non admitido. Do 20 ó 30 de xuño formalizarase a matrícula no noso centro. Do 25 de xuño ó 10 de xullo formalizarase a matrícula no IES.

 

DOCUMENTACIÓN PARA O PROCESO DE ADMISIÓN

 1.DNI do alumno/a, ou libro de familia, ou outro documento que acredite a súa idade.

2.De se-lo caso, documentación xustificativa da solicitude dunha praza para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

 3.Toda aquela documentación necesaria para xustificar os datos que se aleguen, sempre e cando non se autorice á Consellería para a consulta deses datos.

 NORMATIVA

Para a admisión de novo alumnado, os pais, nais ou titores legais presentarán no centro onde queren escolarizar ó neno/a o modelo do Anexo II, que se pode recoller no centro, ou descargalo no seguinte enlace:

IMPRESO PARA A RESERVA DE PRAZA

 Tamén se pode facer o trámite a través da sede electrónica da Xunta, co modelo ED550B. A solicitude será única e presentarase no centro que a familia desexe en primeiro lugar. Poderase incluir ata seis centros, por orde de preferencia. A documentación que se presente deberá ser orixinal ou copia cotexada.

 IMPORTANTE Cada alumno/a só poderá presentar unha única solicitude no centro que pida en primeiro lugar, presentar solicitudes en varios centros ocasionará a perda dos dereitos de prioridade que poidan corresponderlle.

O alumnado que xa está cursando estudos no noso centro, se presenta solicitude de admisión noutro, debe comunicalo tamén neste centro. O alumnado que ten reserva de praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto, debe comunicar a renuncia á reserva antes do prazo de presentación de solicitudes de admisión.

CENTROS DE ADSCRICIÓN

O noso centro está adscrito ó IES de Monterroso. O alumnado que pasa ó IES formalizará a súa matrícula nel entre o 25 de xuño e o 10 de xullo.

SERVIZOS QUE OFRECE O CENTRO

O noso centro ofrece servizo de transporte escolar (regulado polo DECRETO 65/2014, do 28 de maio, polo que se modifica o Decreto 160/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación dos servizos de transporte escolar e de obreiros de competencia exclusiva da Xunta de Galicia) E de comedor (regulado polo DECRETO 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación)

ÁREA DE INFLUENCIA DO CENTRO

Concello de Monterroso

 

Bo Nadal e Feliz 2022

Renovación do Consello escolar

ELECCIÓN DE REPRESENTANTES

DOS PAIS/NAIS Ó CONSELLO ESCOLAR

 

 

                                                                  Convocatoria

 

De acordo coa RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos(D.O.G. 20/09/21),a Xunta Electoral deste Centro, en virtude das atribucións que lle son conferidas pola lexislación vixente, dispón a convocatoria de eleccións ó Consello Escolar, SECTOR DE NAIS/PAIS,segundo as normas seguintes:

 

1. Conforme o establecido no artigo  8º do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias (DOG do 26 de xaneiro de 1999) corresponde elixir no presente proceso electoral a tres nais/paisdun total de cinco que debe ter o Consello Escolar.

2.- Son electores tódolos pais e nais ou, se é o caso, os titores legais dos alumnos matriculados no Centro e incluídos no Censo correspondente que a partir do día da data está exposto no taboleiro de anuncios. As reclamacións ó referido Censo realizaranse mediante escrito razoado dirixido á Xunta Electoral, ata as 14:35  horas do día 15 de novembro.

3.- Son elixibles os pais e nais ou, se é o caso, os titores legais, que formulen a súa candidatura oficial segundo o modelo que se facilitará na Secretaría do Colexio. As candidaturas poderán ser presentadas ata as 14:35 do día 15 de novembro.

4.- O sorteo dos membros da mesa electoral realizarase en acto público, entre os pais que non se presenten como candidatos, o día 16 de novembro, ás 18:00 horas. Dita mesa electoral estará composta pola Directora do Centro, que actuará como Presidenta, e catro pais/nais ou titores legais, actuando de secretario/a o/a de menor idade.

5.- A campaña electoral comprenderá dende o 16 ata o 21 de novembro, ámbolos dous días inclusive. As dependencias e servicios do Centro estarán a disposición dos candidatos, previa petición á presidenta da Xunta Electoral, sempre que o seu uso non altere o normal funcionamento educativo do Colexio. O día 22 de novembro, véspera das votacións, non se poderá facer campaña electoral.

6.- Poderán actuar como supervisores da votación os pais ou titores legais dos alumnos matriculados no Centro, propostos pola ANPA do mesmo ou avalados ó tal fin pola firma de 10 electores.

7.- As votacións realizaranse neste Colexio Público  o día 23  de novembro, de 17:30 a 19:30 horas. A mesa electoral será constituída o mesmo día, en acto público, ás 17:30 horas.

8.- Na papeleta de votación cada elector fará constar un máximo de dous dos candidatos presentados, debendo acreditar a súa personalidade a hora de votar, mediante exhibición do D.N.I. ou documento similar. O voto será directo, secreto e non delegable e non se admitirá o voto por correo.

9.- Teñen dereito ó voto o pai e a nai ou, se é o caso, o titor legal dos alumnos.

10.- Finalizada a votación procederase ó escrutinio dos votos, que será público, e unha vez realizado, levantarase acta para ó seu envío a Xunta Electoral do Centro.

11.- A Xunta Electoral do Centro resolverá as dúbidas e reclamacións que se poidan formular.

 

Monterroso a 8 de novembro de 2.021

A Directora e Presidenta da Xunta Electoral:

 

 

 

 

Asdo.: María José Carreira López

 

NORMAS XERAIS PARA O INICIO DO CURSO 2021-2022

 

Benvidos a un novo curso. 

Como sabedes, a situación epidemiolóxica segue a ser complicada. O protocolo de actuación para este curso, polo momento, é moi semellante ó do curso pasado, así pois, as normas xerais de funcionamento, son as mesmas.

1. Máscaras.
Os alumnos de primaria, de primeiro a sexto, deben vir todos con máscara. Deben traer unha posta e unha de reposto, por se a que traen posta se rompe, se perde ou se deteriora. Deben traer un estoxo ou unha bolsiña que se poida pechar para garda-la máscara no momento en que a quiten (só para comer, beber, ou en actividades puntuais, se llo manda o mestre ou mestra correspondente).
O alumnado de infantil non usará a máscara nas clases, pero recomendamos que si a traian posta aqueles nenos/as que vaian facer uso do transporte escolar. Que traian na mochila un estoxo ou bolsa exclusivamente para garda-la máscara durante as clases.

2. Entradas.
O  alumnado que veña en transporte escolar irá directamente ás aulas en canto baixe do autobús.
1º, 2º, 3º e 4º subirán pola escaleira exterior, hixienizarán ás mans e dirixiranse ás súas respectivas aulas.
5º e 6º entrarán pola porta principal, hixienizarán as mans e dirixiranse ás súas aulas polas escaleiras interiores.
O alumnado de infantil entrará pola porta principal e dirixirase ó corredor onde están as aulas de infantil. Agardará no corredor, sentados en bancos diante das súas respectivas aulas.
Haberá catro mestras/es de garda, controlando as diferentes zonas.

Para o alumnado que veña coa súa familia:
Ás 09:30 poderán entrar os nenos e nenas de infantil, acompañados dun só adulto, que os levará ó patio de infantil, onde agardarán que toque o timbre de entrada. Cando toque o timbre os nenos/as entrarán pola porta de infantil (os adultos non poden entrar no colexio), hixienizarán as mans e irán ás súas clases.
Os nenos e nenas de primaria que veñan coas súas familias non poderán acceder ó recinto escolar ata que toque o timbre de entrada. Cando toque o timbre, entrarán sós, de 1º a 4º pola escaleira exterior, e  5º e 6º pola porta principal. Hixienizarán as mans e dirixiranse ás súas clases.

Pregámosvos ás familias que non veñades con moita antelación, para evitar acumulacións de xente na entrada da escola. Durante o tempo en que estea en vigor o protocolo COVID seremos flexibles na hora de entrada, pero consideraremos falta de puntualidade a chegada despois das 09:45. Lembrade que os adultos non podedes entrar ó recinto agás se vides realizar algunha xestión, ou se concertastes cita previamente cunha mestra ou mestre.

3. Saídas.
Como o acceso ó comedor é un dos momentos en que maior acumulación de nenos e nenas se producen, imos graduar a saída. Os nenos e nenas que non vaian ó comedor, sairán nas seguintes horas:
Infantil, 1º e 2º: sairán ás 14:15. Os de infantil polo patio de infantil, pode entrar un adulto a recollelos. Os de primaria pola porta principal. 
3º e 4º: sairán ás 14:25, pola porta principal.
5º e 6º: sairán ás 14:35, pola porta principal.
Os adultos non poderán entrar no recinto escolar, agás os que veñen recoller alumnado de infantil. Unha vez saian os nenos/as marchade canto antes e evitade facer aglomeracións na entrada.

Os que veñades recoller ós nenos e nenas tralo comedor (sobre as 15:20), entrade no recinto se vides buscar nenos e nenas de infantil (no cuberto da entrada principal). Os demais, agardade fóra e marchade en canto recollades ós nenos.

4. Comedor.
Adiantamos a baixada ó comedor para graduar a entrada no mesmo e asegurarnos de que hai un correcto lavado de mans. Habilitamos como comedor a aula polivalente do andar baixo, para que coman os nenos e nenas de infantil e primeiro e así ter maior distancia durante o xantar.

Por favor, avisade no colexio se os nenos non van quedar ó comedor, para que poidamos optimizar o espazo.

5. Recreos.
Para minimizar as aglomeracións e evitar que unhas clases se xunten coas outras, cada curso sairá ó recreo en zonas separadas e en horas diferentes. Isto obrigounos a unha reorganización dos horarios de todo o centro.

6. Merendas.
Mentres estea en vigor o protocolo contra a COVID todo o alumnado tomará a comida de media mañá (ese petisco do recreo que traen das casas) dentro das aulas. É un momento en que teñen que estar sen máscara, cremos que comer sentados e sen xogar uns con outros é máis seguro. Lembrade que esas merendas deben vir nun recipiente cerrado dentro da mochila.

7. Transporte escolar.
Cada neno/a debe ir sempre sentado no mesmo asento, a ser posible na ida, na volta, e tódolos días. Tamén se deben agrupar por curso. Isto facilitará o rastrexo de contactos no caso de que apareza un caso de COVID.

8. Declaración responsable.
Antes da escola os pais/nais debedes asegurarvos de que os nenos e nenas non amosan síntomas da enfermidade. No caso de que presenten algún síntoma, ou algúen na casa teña síntomas, estea agardando os resultados dunha PCR ou sexa sospeitoso de ter a enfermidade, NON OS TRAIADES Á ESCOLA.

Este curso tamén teredes que asinarnos unha declaración responsable de que coñecedes a norma de non traer ós nenos e nenas cando presenten algún síntoma. As titoras faranvos chegar o documento para que o asinedes e o mandedes de volta á escola.

 

MOITAS GRAZAS POLA VOSA  COLABORACIÓN

 

 

COMEDOR ESCOLAR

No ficheiro adxunto podedes descargar os impresos para solicitar o servizo de comedor para o curso 2021-2022. Prégovos que os entreguedes na escola antes do 10 de xullo.

Distribuir contido


by Dr. Radut