CONSELLOS LECTORES
Unha familia lectora é a que proporciona modelos de achegamento á lectura, que escolle os libros, o cine, o teatro, a boa televisión,… para o tempo de lecer; que conta historias, escoita música, visita exposicións, librerías e bibliotecas.
CANDO LER?
Todos os días podemos atopar un momento para compartir lecturas. A noite é axeitada para os contos lidos e contados, para o misterio
e a maxia. Pero, ao longo do día hai outros momentos e actividades que favorecen a lectura, como a visita a unha exposición, unha viaxe, un cine…(folletos, mapas, a carteleira,…)
QUE LER?
Achegarnos aos contos populares, adiviñas, coplas, lendas,… da tradición oral; libros de imaxes onde recoñecer obxectos e desenvolver a imaxinación; álbums de relatos e ilustracións; poemas e textos teatrais; libros informativos onde predomine a imaxe.
A QUEN LER?
Son os máis achegados os que coñecen os gustos de aqueles a que lle lemos para convertir este momento nunha oportunidade de compartir risas, pasar un chisco de medo, emocionarse, chorar cunha despedida, atopar un tesouro,….
COMO LER?
Hai mil maneiras: en alto, en baixo, con música de fondo, a luz do día, con lanterna, sós ou en compañía, sentados, de pé,… O importante é estar nun clima axeitado, a gusto, tranquilos,... para poder disfrutar.
ONDE LER?
Cadaquén ten o seu espazo preferido: o sillón, a cama, deitados na herba,…. Un lugar especial é a nosa biblioteca escolar ou as bibliotecas públicas onde disfrutar dos seus recunchos e dos moitos libros que alí podemos atopar.
POR QUE LER?
Coa lectura sabemos o que pasa no mundo, atopamos historias, descubrimos información, aprendemos vocabulario, compartimos ideas, favorecemos a imaxinación….