Skip to Content

6º CARREIRA SOLIDARIA "Móvome pola Paz" | Organización

 

6ª CARREIRA SOLIDARIA "Móvome pola Paz"
28 de xaneiro de 2022

Este ano tamén nos Movemos pola Paz!

Aínda que non podemos conmemorar o Día da Paz con vós, familias e amigas/os, nin con outros Centros convidados (como faciamos antes da pandemia) queremos seguir colocando o foco nos dereitos da infancia, polo noso alumnado e por todas as nenas e nenos.

A pandemia da COVID19 require medidas extraordinarias que todas as persoas estamos notando. Con todo, é importante que valoremos tamén o esforzo enorme que está facendo o noso alumnado, e en xeral todas as nenas e nenos. Se ultimamente escoitamos dicir que os Centros Educativos son entornos seguros, é grazas á actitude e responsabilidade do alumnado, un dos grupos sociais máis respectuosos coas normas e protocolos COVID19.

O noso día a día, e os medios de comunicación, fannos colocar a atención en exclusiva cara as dificultades e problemas do mundo das persoas adultas, sen darnos conta que a infancia segue e está aquí, tamén sufrindo unha grande perda de dereitos fundamentais nunha etapa de desenvolvemento decisiva na súa vida.

Por tal motivo decidimos organizar tamén este ano a 6ª Carreira Solidaria "Móvome pola Paz" e a Recollida de Alimentos, mantendo todas as medidas de seguridade e hixiene. O alumnado correrá no exterior, con máscara, mantendo os agrupamentos burbulla e sen público. Recordade que o que pretendemos con esta actividade é facer real o de "Moverse pola Paz", non é unha carreira competitiva.

 

RECOLLIDA DE ALIMENTOS


Desde o próximo luns día 24 de xaneiro de 2022 podedes enviar ao Centro os alimentos e produtos de hixiene que logo doaremos ao Banco Municipal de Alimentos do Concello de Ames para a súa distribución.

Este ano agradecémosvos que, máis que nunca, poñades a "Ollada na Infancia" á hora de enviar os alimentos e produtos. Non queremos dicir que deixedes de mandar aceite, arroz, deterxente de lavar a roupa, etc, senón que pensemos no que ás nenas e nenos lles gustaría recibir do Banco de Alimentos: cereais, cacao, dentífrico/cepillo infantil ou mesmo unha colonia (por dar algúns exemplos que, seguro, se vos ocorren mellores)

Finalmente, tal como tamén é costume, correremos o día 28 coa camisola branca "oficial" do CEIP de Barouta.

Moitas grazas pola vosa colaboración e comprensión!



page | by Dr. Radut