Skip to Content

8M "ENREDADAS"

 

O mar forma parte da nosa vida e da nosa cultura. 

Somos xente da costa galega e iso conforma unha particular visión do mundo.

 Mariscadoras, redeiras, mariñeiras, pescantinas, científicas mariñas, remeiras… son oficios, profesións e actividades  nacidas ao abeiro deste medio. 

Non é un mundo inamovible. Cambia coma as mareas ao longo do tempo. O esforzo e a loita destas mulleres permitiron melloras nas súas condicións, acadar un maior recoñecemento laboral, social e económico. Mais aínda queda  camiño por percorrer.

Enredadas” pretende visibilizar e render homenaxe  a todas as mulleres, membros das familias do alumnado do noso colexio  que, dun xeito ou doutro, están vencelladas ao mar e á navegación.

 Elas comparten connosco as súas historias vitais: lembranzas pasadas e presentes, anécdotas, sentimentos e emocións…  e transmíteno dun xeito sinxelo  e cunha ollada especial;  dende o cariño con que llelo contan aos seus fillos e fillas, netos e netas… 

 Cada unha ten unha motivación e unha traxectoria única, segundo a época e as circunstancias que lles toca ou lles tocou vivir: incorporación ao mundo laboral -pasando dunha  economía máis tradicional e informal a outra máis moderna e sofisticada- ; necesidade e/ou supervivencia, afán de superación…  razóns, todas elas, que aparecen expostas ou  subxacen  nos relatos das nosas protagonistas.

Queremos agradecerlles a  xenerosidade amosada por compartir connosco, de xeito altruísta, as súas vivencias ; darnos a posibilidade de achegarnos a elas e  entendelas un pouco mellor. 

 Se deste xeito contribuímos a dignificarvos  un chisco, Mulleres do Mar, dámonos por satisfeitas!

 

 



story | by Dr. Radut