A Consellería de Cultura e Educación achega 400.000 euros para a mellora de espazos municipais destinados á realización de actividades culturais [1]
A Xunta de Galicia volve convocar esta liña de axudas aos concellos para mellorar os equipamentos culturais de Galicia e favorecer o desenvolvemento de actividades no ámbito local
O Diario Oficial de Galicia pública hoxe a orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se convocan as subvencións aos concellos de Galicia e ás súas entidades públicas para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados na realización de actividades culturais.
As axudas reguladas nesta orde contarán cun importe global que ascende a 400.000 euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. O mantemento desta liña de axudas por parte da Consellería de Cultura e Educación no contexto actual vén avalado por un importante esforzo a prol da continuidade daquelas prácticas institucionais que fomenten a realización de actividades culturais nos concellos de Galicia.
Mellora da rede de equipamentos culturais
A convocatoria desta liña de axudas enmárcase no obxectivo de contribuír ao axeitamento e mellora da rede de equipamentos culturais existentes en Galicia e de favorecer a capacidade de desenvolver actividades no ámbito local. Dentro dunha aposta pola dinamización cultural do país, cun criterio de calidade e sostibilidade, a Xunta de Galicia pretende abrir a oferta dos concellos galegos aos novos formatos artísticos e culturais, e facilitar, ao mesmo tempo, a adaptación tecnolóxica e o equilibrio territorial na distribución cultural.
A dotación das axudas será destinada á realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala, sistemas de prevención e seguridade e novas tecnoloxías, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
A axuda máxima por beneficiario será de 50.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 75% do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe ascenderá a 57.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas, criterio este que a comisión de avaliación valorará positivamente no estudo dos expedientes.
Próxima convocatoria para entidades sen fin de lucro
Para avanzar nesta dirección, o programa de investimentos de 2013 da Consellería de Cultura e Educación para a mellora dos equipamentos culturais de Galicia inclúe tamén unha liña de axudas dirixida a asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia.
Con estas liñas de actuación, a Xunta de Galicia favorece un uso máis amplo das instalacións e atende as novas necesidades que requiren as diferentes tipoloxías de actividades programadas nos diversos espazos, ademais de garantir un acceso universal a elas mediante as axudas á supresión de barreiras arquitectónicas.