Cultura e Educación incorporou ao decreto de comedores escolares parte das suxestións de ANPE, a Xunta Autonómica de Directores e o Comité Intercentros [1]
A Consellería lamenta que a emenda á totalidade formulada no Consello Escolar teña furtado a posibilidade dun debate artigo a artigo que enriquecera a proposta do texto do decreto que someteu a este órgano consultivo
A vontade negociadora da consellería ao respecto do decreto tense manifestado en sucesivas ocasións incorporando achegas da Xunta Autonómica de Directores, o sindicato único sindicato que debateu o texto, ANPE, e unha achega aceptada como consecuencia da reunión mantida esta mesma mañá co Comité Intercentrosunha achega aceptada como consecuencia da reunión mantida esta mesma mañá co Comité Intercentros
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amosou hoxe a súa vontade negociadora ao incorporar ao texto do decreto de comedores escolares varias suxestións do sindicato ANPE, da Xunta Autonómica de Directores e do Comité Intercentros. Ademais, o departamento educativo da Xunta de Galicia lamenta a negativa do resto dos sindicatos a enriquecer o decreto, tanto ao abandonar o venres pasado a mesa sectorial, como hoxe no pleno do Consello Escolar. Neste sentido é necesario recordar que este último órgano consultivo non pode nin debe ser un lugar para a confrontación política, tal e como pretenden as organizacións que só o utilizan para atacar calquera das iniciativas postas en marcha pola Consellería. O departamento de Cultura e Educación considera ademais que a emenda á totalidade formulada no Consello Escolar furtou a posibilidade dun debate artigo a artigo o que, sen dúbida, tería enriquecido a proposta do texto do decreto que someteu a este órgano consultivo
A vontade negociadora da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en todos os posibles foros de debate supón sempre a aceptación de propostas construtivas. Así, da reunión coa Xunta Autonómica de Directores incluíuse unha nova categoría de comedor escolar. Da negociación co único sindicato que se dispuxo a debater o texto a pasada semana na mesa sectorial do ensino non universitario, incorporáronse referencias á formación do profesorado e do persoal en materia de comedores; unha referencia ao deseño de menús saudables e nutricionalmente equilibrados; e a proposta do sindicato de rebaixar o prezo do menú para os profesores non colaboradores de 5,55 a 4,50 euros, que é o prezo público máximo recollido para as familias, no texto da norma. Finalmente, e como consecuencia da reunión de hoxe mesmo do Comité Intercentros incorporouse a posibilidade de que coman gratuitamente os educadores e auxiliares que presten atención aos alumnos dos centros de educación especial.
Contrariamente ao carácter propio dun órgano consultivo como é o Consello Escolar, varios membros deste órgano rexeitaron o texto na súa totalidade propoñendo a súa devolución á administración. A Consellería sorpréndese do cambio de opinión dalgúns sindicatos. Así, por exemplo, na reunión da mesa sectorial de 27 de xuño de 2006, onde se debateu o proxecto de decreto de comedores escolares que agora se pretende substituír, FETE-UGT manifestou “as familias con poder adquisitivo que paguen cota”, mentres que na actual situación formula a oposición a un decreto que se basea na capacidade económica dos usuarios.
A Consellería continuará coa tramitación do decreto, someténdoo ao trámite de información pública e incorporando as achegas que sexan realistas e posibilistas. Cómpre salientar que o proxecto de decreto está aínda pendente de informes sectoriais como os da Dirección Xeral de Orzamentos e da Secretaría Xeral de Igualdade e que será sometido a un último órgano consultivo de carácter técnico xurídico, o Consello Consultivo.
Un sistema máis xusto para ampliar o número de usuarios
O novo sistema de prezos públicos para os comedores xestionados pola Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria permitirá que o 70% dos usuarios teñan o servizo gratuíto ou pagando 1 euro por menú. De feito, as familias que conten cunha renda anual per cápita igual ou inferior a 7.000 euros, gozarán da gratuidade total. Así, este sistema é máis xusto e solidario e ademais corrixe o copago instaurado polo Bipartito, que non era xusto para as familias que menos ingresos teñen. Ademais, esta medida permitirá incrementar a rede de comedores xestionados pola Consellería.
Cómpre salientar, finalmente, o importante esforzo económico realizado pola Xunta de Galicia para, en dúas lexislaturas, incrementar en máis de 18.000 o número de prazas gratuítas nos comedores escolares que xestiona, das que 11.000 serán gratuítas e en outras 2.000 só haberá que pagar un euro por menú. Desde 2007 o orzamento destinado a este servizo incrementouse de 14 a 27,8 millóns de euros.
File: