Xesús Vázquez Abad visita no MUPEGA ‘Luces de alén mar’, unha mostra que dá conta do intenso traballo feito pola emigración galega en América a prol do fomento educativo [1]
O conselleiro de Cultura e Educación participou xunto ao secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e ao presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, na visita á exposición itinerante que chega ao centro de referencia no ámbito educativo, o Museo Pedagóxico de Galicia.

O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, visitaron hoxe no MUPEGA a exposición ‘Luces de alén mar’. O percorrido foi guiado polo comisario da mostra, o investigador e profesor universitario Vicente Peña Saavedra. A mostra, que homenaxea o traballo da emigración ultramarina para o noso desenvolvemento educativo, inaugurarase esta tarde e permanecerá aberta até o próximo 28 de xuño.
‘Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia’ consta de 41 paneis temáticos e abondosos materiais orixinais –como traballos de alumnos, estatutos, regulamentos, libros de actas ou planos das escolas–, que permiten reconstruír e interpretar o enorme labor educativo e cultural realizado a prol do desenvolvemento social e do progreso de Galicia desde a outra beira do Atlántico.
‘Luces de alén mar’ conmemora, dunha banda, a efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América, e doutra, as súas realizacións académicas e vizosas realidades nas localidades de procedencia dos emigrantes. Trátase, polo tanto, dunha mostra itinerante que expón e explica o compromiso das sociedades de emigrantes galegos coa instrución na súa terra de orixe. Neste sentido cómpre lembrar que varios centos de escolas foron construídas nas décadas finais do século XIX e no primeiro terzo do século XX grazas á multitude de iniciativas de intervención escolar mancomunada que xermolaron neste período.
A exposición poderá ser visitada desde mañá e até o vindeiro 28 de xuño no primeiro andar do MUPEGA. O museo permanecerá aberto de martes a sábado en horario de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 20.00 h., a entrada será gratuíta.