Cultura e Educación impulsa a creación de novos materiais didácticos en galego para a aprendizaxe do xadrez [1]
O secretario xeral de Política Lingüística presentou os novos cadernos editados pola asociación lucense Xaquedrum, que teñen como finalidade achegarlles aos escolares o xogo do xadrez desde a lingua galega

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá unha nova acción da campaña “Xaque nas aulas”, desenvolvida pola asociación lucense Xaquedrum, en colaboración co departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, que ten como finalidade ensinarlles aos escolares da cidade de Lugo o xogo do xadrez a través de materiais editados en lingua galega.
Nun acto público que tivo lugar no Colexio Rosalía de Castro de Lugo, o presidente da Asociación Xaquedrum, Pablo Castro, presentou a nova acción de “Xaque nas aulas”, consistente na edición do terceiro número da colección Xaquelín, Viaxe polo mundo do xadrez, e mais na reedición do primeiro número desta colección, Xaque nas aulas. Durante o acto, ao que asistiron ademais do secretario xeral o presidente de Sogama, Luis Lamas, o alumnado de 3º de primaria realizou unha partida de xadrez en vivo para demostrar os coñecementos adquiridos neste xogo de estratexia.
Novos materiais pedagóxicos na nosa lingua
O secretario xeral congratulouse pola edición destes cadernos editados en galego “que contribúen a ampliar os recursos didácticos na nosa lingua e que lles permitirán aos cativos iniciarse neste xogo de estratexia dunha forma lúdica, o que favorece non só a dinamización do galego neste ámbito, senón que tamén contribúe a que os nosos rapaces e rapazas teñan a percepción de que o galego é unha lingua útil tamén para os momentos de xogo e de lecer”.
Iniciación ao xadrez desde o galego
A colección Xaquelín é un material didáctico elaborado por monitorado da asociación Xaquedrum xunto con profesorado de primaria, que pretenden ensinarlle o xogo do xadrez aos escolares dunha forma lúdica a través de sinxelos exercicios que pouco a pouco van aumentando o nivel de dificultade.
A colección Xaquelín está dividida en dous niveis, iniciación e perfeccionamento. Xaque nas aulas, que se reedita cunha nova tirada de 2.000 exemplares, é o caderno de iniciación co que o alumnado aprende os movementos das pezas a través de divertidos exercicios. Viaxe polo mundo do xadrez, cunha tirada inicial de 1.500 exemplares, é o segundo caderno do nivel de iniciación a través do que os nenos e as nenas poden aprender as regras básicas do xadrez. Pola súa banda,Mate con tomate é o caderno co que o alumnado pode perfeccionar os seus coñecementos.
Unha campaña dirixida ao alumnado lucense
A campaña “Xaque nas aulas”, que xa vai pola súa cuarta edición e da que se beneficiaron máis de 2.500 alumnos de centros educativos de Lugo, compleméntase con xornadas prácticas nas que se pretende achegarlles o xadrez a nenos e nenas de 3º e de 4º de primaria pertencentes a centros públicos da cidade. Durante tres semanas, técnicos da Asociación Cultural Xaquedrum e mais da Escola Luguesa de Xadrez dan a coñecer dunha forma lúdica esta modalidade.
Xadrez para todos
A Secretaría Xeral de Política Lingüística segue a traballar para garantir unha ampla e variada oferta de materiais pedagóxicos e lúdicos en lingua galega. Os novos cadernos da colección Xaquelín súmanse a outros materiais didácticos promovidos pola secretaría para facilitar o acceso ao xadrez desde a lingua galega, como é o caso da colección Xadrez para todos (http://www.xunta.es/linguagalega/xadrez_para_todos [2]). Os manuais de nivel iniciación e intermedio desta colección distribuíronse nos centros de ensino galegos coa finalidade de que docentes e monitores contasen con recursos pedagóxicos de calidade para ensinar xadrez desde a lingua galega.