Xesús Vázquez abad visita o laboratorio de idiomas do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez, no concello coruñés de Muros [1]
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións comprobou o funcionamento desta aula dixital, instalada no centro en colaboración coa Fundación Paideia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as instalacións do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez, acompañado pola presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera; pola directora, María Josefa Vilar; polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana.
Durante o seu percorrido polo centro, no que estudan 280 alumnas e alumnos, Xesús Vázquez Abad e Rosalía Mera puideron comprobar o funcionamento do laboratorio de idiomas, unha aula dixital instalada neste colexio ao abeiro da colaboración entre a Consellería e a Fundación Paideia. Un total de 26 postos informáticos nos que os estudantes de todos os cursos – cun uso máis intensivo por parte dos de 5º e 6º de primaria- realizan diferentes actividades para a mellora das súas competencias en linguas estranxeiras. Ademais, as posibilidades que ofrecen os ordenadores instalados pola Consellería están a ser empregados tamén para o traballo en materias como Matemáticas ou Coñecemento do medio.
Segundo explicou Vázquez Abad, esta iniciativa entronca coa aposta que o Goberno galego está a facer polo plurilingüismo no sistema educativo galego. De feito, no marco do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, o centro conta este curso por primeira vez con 4 seccións bilingües en inglés na área de Plástica, e ten previsto amplialas progresivamente nos vindeiros cursos.
Neste sentido, o conselleiro en funcións salientou a importancia de que todos os axentes implicados no ensino en Galicia unan forzas a prol de impulsar nos centros educativos o uso de todo tipo de recursos para que as alumnas e alumnos teñan a oportunidade de acadar unhas competencias en linguas estranxeiras “en consonancia coas esixencias da sociedade do século XXI”.
Plan de mellora de bibliotecas
O titular en funcións do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo tamén agradecer a implicación da comunidade educativa do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez na posta en marcha deste tipo de proxectos para a innovación educativa, entre os que tamén sinalou a aula dixital da que dispón o colexio. Así mesmo, valorou moi positivamente o traballo que este centro está a realizar na súa biblioteca escolar.
De feito, este espazo ten recibido da Consellería 14.850 euros para o impulso das actividades de fomento da lectura e mellora das súas instalacións. Ademais, a biblioteca do centro vén de integrarse este curso no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería.