Cultura e Educación presenta un roteiro literario virtual por Compostela no marco da celebración do Día da Biblioteca [1]
O proxecto, accesible desde o portal web da Rede de Bibliotecas de Galicia, baséase en novelas de intriga en galego que teñen como escenario a capital de Galicia
O secretario xeral de Cultura representou á Consellería neste acto, no que sinalou a “importancia de ir consolidando prácticas novas acordes co papel actual das bibliotecas”
Os textos que guían a visita virtual pertencen a obras da autoría de Suso de Toro, Román Raña, Diego Ameixeiras, Carlos Reigosa e Roque Morteiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer en marcha unha aplicación virtual que permite percorrer a capital de Galicia desde unha dimensión literaria e que está dispoñible desde hoxe no portal web da Rede de Bibliotecas de Galicia (www.rbgalicia.xunta.es/santiago [2]). Roteiros literarios por Compostela é o nome deste proxecto que convida a cidadanía a ler en galego, ao tempo que amosa a cidade compostelá a través de fragmentos de obras de referencia da novela negra en galego que teñen como escenario a capital de Galicia.
A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela promoveu esta novidosa aplicación, que foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no marco da celebración do Día da Biblioteca e nun acto no que estivo acompañado pola directora da biblioteca, Carina Fernández, e mais por Antonio José Rodríguez, representante da empresa Imasv, que desenvolveu a aplicación.
Na súa intervención, o secretario xeral destacou a necesidade de contarmos con “novas doses de imaxinación para achegarlle os libros á sociedade” e nesta liña de dinamización situou a creación desta “nova ferramenta, que nos convida á lectura en galego e que pon a biblioteca en relación cos escenarios da súa cidade, nos que se desenvolven as intrigas de varios títulos de referencia da novela negra galega”. Finalmente, sinalou “a importancia de ir consolidando nos vindeiros anos un conxunto de prácticas novas, acordes co papel actual das bibliotecas e con ese esforzo necesario de saír fóra para cativar novos lectores e usuarios”.
Posta en valor do papel das bibliotecas
No marco do Día da Biblioteca, Anxo Lorenzo tamén quixo poñer en valor “un servizo cultural e informativo que consideramos de máxima relevancia para unha sociedade avanzada” e afirmou que desde a Secretaría Xeral de Cultura a aposta polo sistema bibliotecario galego é un compromiso ineludible para unha Administración galega ao servizo da mellora da calidade de vida e da formación do conxunto da cidadanía”.
Finalmente, recordou que “para os vindeiros anos se presentan unha serie de retos que deberán enfocar as estratexias da actuación institucional”, entre os que se inclúen a potenciación da Biblioteca de Galicia no seu papel central na protección e difusión do patrimonio bibliográfico galego; a expansión das novas tecnoloxías de acceso á información e a capacitación para axeitar os servizos a estes novos formatos; e mais o fomento permanente dos hábitos lectores e do aprecio social do valor do libro e da lectura, labor indispensable no que cómpren os esforzos de todos os axentes culturais deste ámbito”.
Visita virtual pola literatura galega
Os textos que guían a visita virtual por algunhas das rúas, prazas e parques da capital de Galicia recrean un total de once espazos descritos en cinco obras vencelladas ao xénero da novela negra en galego ou á narrativa de intriga. Estas obras son Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa; Ambulancia, de Suso de Toro; Asesinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; O crime da rúa da Moeda Vella, de Román Raña; e Seis cordas e un corazón, de Roque Morteiro.
Son un total de once lugares os que o usuario pode visitar virtualmente para o que se emprega a aplicación de Google Maps, e entre os que se inclúen a rúa Nova, a do Hórreo o a da Carreira do Conde; a praza do Toural e das Praterías ou o Parque de San Domingos de Bonaval. Ao tempo que pasea virtualmente por estes espazos, o usuario tamén poderá escoitar os textos nas recoñecidas voces de Luís Iglesia, José Ramón Santiso, David Amor, Luís Castro Zahera e José Luis Vázquez Rey.
Audio: