A Consellería de Cultura e Educación continúa a adaptación da formación profesional á realidade galega coa aprobación de 3 currículos de ciclos formativos [1]
O departamento educativo da Xunta xa adecuou ás necesidades dos sectores produtivos de Galicia un total de 59 ciclos
Desta forma favorécese o rápido acceso ao mercado laboral dos titulados da FP, que estarán cualificados para dar resposta ás necesidades das empresas galegas
O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o visto e prace a tres currículos de ciclos formativos máis, cos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria suma xa 59 plans de estudo de formación profesional adaptados ás necesidades das empresas galegas nesta lexislatura. Os currículos hoxe aprobados, os de técnico superior en Deseño e Amoblamento, en Son para Audiovisuais e Espectáculos, e en Próteses Dentais, son unha nova demostración da aposta decidida do departamento educativo da Xunta por que a formación profesional galega prepare profesionais cualificados para daren resposta ás necesidades do noso tecido socioprodutivo.
Isto supón, ademais, favorecer a rápida incorporación dos titulados nestes ciclos ao mercado laboral. De feito, os currículos adaptados inclúen un módulo de formación en centros de traballo, que permitirá que o alumnado complete as ensinanzas adquiridas no centro educativo mediante a realización dun conxunto de actividades de produción e/ou de servizos en situacións reais de traballo no ámbito produtivo do centro, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema nacional de cualificacións e formación profesional.
Cómpre sinalar, ademais, que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad está a preparar o desenvolvemento dun proxecto experimental de FP dual, en colaboración con empresas, de tal forma que os estudantes desenvolvan máis dun 77% das horas de formación nos centros de traballo, o que favorecerá que acaden progresivamente máis competencias profesionais.
Deseño e amoblamento
Con respecto aos currículos hoxe aprobados, o correspondente ao título de técnico superior en Deseño e Amoblamento preparará os titulados para desenvolveren labores de debuxante proxectista de mobles, técnico en desenvolvemento de produtos de carpintaría e mobles, proxectista de carpintaría e moble ou técnico de control de calidade en industrias de madeira e cortiza; así como de xerente de empresas de madeira, moble e outras manufacturas, encargado de oficina técnica, xefe de fabricación, controlador de produción, xefe de sección e xefe de equipo.
Para iso, os estudantes adquirirán coñecementos para elaborar propostas de deseño, propoñer solucións de fabricación para realizar o deseño técnico, elaborar e analizar prototipos, así como documentación técnica para a fabricación de moblaxe de acordo co programa de necesidades.
Por outra banda, os titulados estarán capacitados para planificar e controlar os procesos de fabricación, elaborar programas de fabricación asistida por computador, xestionar o aprovisionamento de materias primas de acordo coas necesidades e particularidades dos diferentes produtos e materiais, e realizar memorias, planos e orzamentos de proxectos de instalación, así mesmo coordinar e supervisar a montaxe no taller ou a instalación en obra.
Son para Audiovisuais e Espectáculos
No caso dos titulados no ciclo de grao superior en Son para Audiovisuais e Espectáculos, poderán desenvolver o seu labor profesional en ocupacións como as de xefe de son de cine, audiovisuais e espectáculos, técnico de son de directo, de cine e audiovisuais, para PA ("public address"), e de sistemas sen fíos. Ademais, poderán traballar como técnicos de gravación musical, de gravación de son en estudio, de monitores de sistemas de son, e en sistemas de microfonía, e como especialistas, montadores, editores e mesturadores de son.
Os coñecementos adquiridos no ciclo capacitarán os estudantes para o deseño do proxecto técnico de son de produtos audiovisuais, discográficos, radio, espectáculos, eventos e instalacións fixas de sonorización e para determinar os recursos humanos, materiais, técnicos e loxísticos necesarios neles.
Así mesmo, aprenderán a determinar as técnicas e os procedementos que cumpra empregar para poñer en funcionamento os equipamentos técnicos que interveñen na posta en marcha dun proxecto de son, e a establecer plans de mantemento preventivo e correctivo e a realización de probas co fin de garantir o seu óptimo funcionamento, así como protocolos para as operacións loxísticas de montaxe, desmontaxe, transporte, almacenamento, posta en marcha, axuste e aproveitamento óptimo.
Unha vez instalados os equipamentos, os titulados neste ciclo estarán capacitados para realizar probas de valoración da calidade para acondicionar os espazos de captación ou reprodución do son e a propia gravación, co fin de garantir o óptimo resultado do proxecto.
Por outra banda, os estudantes adquirirán competencias para construír a banda sonora definitiva dun proxecto audiovisual, realizando a montaxe en directo ou editado, así como os procesos de posprodución e acabamento do proxecto sonoro.
Próteses dentais
O Consello da Xunta tamén aprobou hoxe o currículo para obter o título de técnico superior en Próteses Dentais, que preparará os estudantes para desenvolveren as ocupacións de técnico superior ou especialista en Próteses Ddentais, responsable técnico dun laboratorio de prótese dental ou en departamentos de investigación e desenvolvemento de produtos na industria dental, ou como comercial na industria dental.
As competencias adquiridas durante o ciclo capacitarán ao alumnado para planificar os servizos que presta o laboratorio de próteses dentais, no que toca á xestión da adquisición, o almacenamento e a reposición de equipamentos, material e instrumental, e no que toca a dar resposta ás necesidades de atención dos usuarios. Ademais, saberán deseñar, preparar e verificar próteses dentofaciais, aparellos de ortodoncia e férulas oclusais e analizar os seus custos para obter o prezo final.