Cultura e Educación organiza o II Campionato Galego de Formación Profesional ‘GaliciaSkills 2012’, no que os estudantes amosan a calidade das competencias adquiridas na FP [1]
As probas comezan hoxe no CIFP Porta da Auga, en Ribadeo
O alumnado gañador do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia nas SpainSkills 2013
Guillermo González Gómez, medalla de ouro nas 'GaliciaSkills 2010', vén de resultar gañador da medalla de prata na Skill Servizo de restaurante no Campionato Europeo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia hoxe as probas de clasificación do II Campionato Galego de Formación Profesional ‘GaliciaSkills 2012’, unha importante plataforma de despegue para os estudantes da FP, que desde estas olimpíadas poden acceder a participar nas españolas, nas europeas e nas mundiais. De feito, o gañador dunha medalla de ouro nas primeiras GaliciSkills, en 2010, vén de resultar gañador da medalla de prata na Skill (competencia profesional) Servizo de restaurante no Campionato Europeo de Formación Profesional, Euroskills 2012, celebrado os días 4-5-6 de outubro no Spa-Francorchamps en Bélxica.
A participación deste alumno do IES de Vilamarín (Ourense) e do seu profesor e preparador profesor Diego Mosquera Miramontes no campionato europeo é unha importante oportunidade para dar presenza e relevancia á FP galega e aos seus titulados a nivel internacional. Cómpre lembrar ademais que o equipo galego ocupou nas SpainSkills 2011 o terceiro posto en número total de medallas por Comunidade Autónoma, ao ser premiado con 2 medallas de ouro, 4 de prata, 4 de bronce e 3 mencións de excelencia. Isto supón un grande impulso a FP galega, e demostra o importante nivel de competencias que adquire o noso alumnado.
En total, arredor de 90 estudantes cos seus respectivos profesores-titores participarán nestas ‘GaliciaSkills 2012’, que arrincan hoxe no CIFP Porta da Auga, en Ribadeo, e que percorrerán diversos institutos e Centros Integrados de Formación Profesional ata o vindeiro 29 de outubro.
Máis competencias
Neste segunda edición GaliciaSkills incrementa o número de especialidades (ou skills) en competición, desde as 12 do primeiro certame ata as 20 nas que o alumnado galego de FP poderá demostrar a súa competencia ao longo do mes de outubro. Deste xeito, incorpóranse á convocatoria as modalidades de Torneadura, Fresaxe, Sollado e azulexado, Electrónica, Control Industrial, Pastelaría, Xardinaría paisaxística e Deseño Gráfico.
Ademais, haberá competición nas especialidades de Reparación de carrozarías de vehículos, Deseño web, Ebanistería, Carpintaría, Peiteado, Coidados de Beleza, Tecnoloxía da Moda, Tecnoloxía do automóbil, Cociña, Servizo de restaurante e bar, Pintura de vehículos e Soporte de rede.
Haberá dous premios por skill aos que se lles entregará medalla de ouro e prata nun acto público que se celebrará o próximo mes de novembro. Ademais, todos os alumnos participantes recibirán un diploma acreditativo de ter participado no certame; mentres que os profesores que os acompañen recibirán a correspondente certificación de participación na actividade de innovación educativa Galiciaskills 2012, cunha equivalencia de 15 horas de formación permanente do profesorado.
O alumnado gañador do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, SpainSkills 2013, que se celebrará en Madrid do 28 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2013. Este alumnado, xunto con tres xefes de equipo (profesores titores), conformarán o equipo galego que representará a nosa comunidade autónoma en SpainSkills 2013.
A celebración deste campionato conta co patrocinio dun importante número de empresas dos sectores produtivos relacionados coas especialidades en competición. Cómpre ter en conta que as olimpíadas galegas da Formación Profesional teñen como obxectivo a posta en valor da calidade e o atractivo das ensinanzas de formación profesional que se imparten nos centros galegos, e potenciar as relacións dos centros nos que se imparten ciclos formativos coas empresas dos sectores correspondentes. Ao tempo, búscase motivar ao alumnado para a mellora da calidade da FP, e recoñecer e estimular o labor do profesorado.
Toda a información relacionada con este evento pode atoparse en www.edu.xunta.gal/fp/galiciaskills [2] .