Cultura e Educación incrementa de novo a oferta de FP coa implantación do ciclo superior de Dirección de servizos en restauración no IES Fraga do Eume [1]
Desta forma a Consellería dá resposta ás necesidades da comunidade educativa da zona
As 22 novas prazas veñen a completar a oferta do instituto de Pontedeume no ámbito das ensinanzas profesionais de Hostalería e Turismo
A Consellería pon a disposición dos centros públicos 2600 prazas máis que o ano pasado, evidenciando así a súa aposta pola FP como un sistema de oportunidades de emprego
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de incrementar a oferta das ensinanzas da familia profesional de Hostalería e Turismo coa implantación do ciclo formativo de grao superior de Dirección de servizos en restauración no IES Fraga do Eume de Pontedeume.
O departamento dirixido por Vázquez Abad, consciente da importancia que representa o sector turístico no desenvolvemento produtivo e económico de Galicia e a crecente demanda de persoal cualificado en dito sector, oferta 22 novas prazas coas que ven a completar a oferta do IES Fraga do Eume no ámbito das ensinanzas profesionais de Hostalería e Turismo. Para o vindeiro curso, o instituto de Pontedeume ofrece no réxime ordinario o ciclo medio de cociña e gastronomía, o ciclo medio en panadaría, repostería e confeitaría e o ciclo superior de dirección de cociña. Ademais, acolle unha oferta modular do ciclo medio de cociña e gastronomía polo réxime de persoas adultas e o programa de cualificación profesional inicial de servizos de restauración.
As funcións que desempeñarán as persoas tituladas neste novo ciclo de Dirección de servizos en restauración, relaciónanse coa dirección, a comercialización dos produtos, a organización de eventos e servizos de restauración e das unidades de produción, permitindo desenvolver ocupacións tales como director/ora de alimentos e bebidas, supervisor/ora de restauración moderna, "maître", xefe/a de sala, encargado/a de bar-cafetaría, xefe/a de banquetes, xefe/a de operacións de cátering, sommelier, responsable de compra de bebidas e/ou encargado/a de economato e adega.
O título de técnico superior en dirección de servizos en restauración permite a obtención de dúas cualificacións profesionais completas, con significación no mundo laboral, como son a de xestión de procesos de servizo en restauración e a de sommelier.
A hostalaría constitúe un dos sectores máis destacados na economía de Galicia, onde se prevé unha grande expansión e consolidación das empresas dedicadas á restauración para colectividades (centros sanitarios, centros de escolares, centros de lecer...etc) e das “empresas de restauración moderna” ou “neorrestauración”. Na actualidade, existe un importante número de empresas dedicadas ao sector da hostalaría entre restaurantes, hoteis, cafetarías, cátering, bares ou discotecas, o que repercute nun gran volume de persoas traballando na especialidade de servizos, cun notable incremento en época de verán.
Incremento das prazas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa coa súa aposta pola formación profesional como un sistema de oportunidades para o desenvolvemento dos sectores socioprodutivos galegos e unha porta de acceso para a recualificación dos cidadáns e para o seu acceso ao mercado laboral.
O interese das alumnas e dos alumnos galegos das ensinanzas profesionais púxose de manifesto a través dun incremento do 23,1% na matriculación entre 2008 e 2012. Para atender ás solicitudes da cidadanía, a Consellería oferta para o actual curso 2012/2013 un total de 23.623 prazas de ensinanzas de FP en centros públicos, 2600 máis que no curso anterior. A isto contribúe o impulso que supuxo para a FP o reforzo da rede de centros integrados, CIFP. De feito, os 17 centros da rede ofrecen 8.166 prazas, o 34% das dispoñibles nestas ensinanzas en centros públicos da nosa comunidade. Ademais, os CIFP ofertan para o vindeiro curso 1.716 prazas máis que no 2011/2012.
Con estas actuacións, continúa a despregar a súa estratexia de desenvolvemento da FP, que ten completado, ademais, dando a estas ensinanzas un marco normativo propio adecuado a Galicia, a través da elaboración, aprobación e publicación do Decreto 114/2010, de ordenación da formación profesional en Galicia, e da normativa que o desenvolve.