Os conselleiros de Educación e Cultura reciben ao viceministro de Educación da República Popular de China [1]
Os conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria e de Cultura e Turismo mantiveron un encontro co representante chinés, co que abordaron a posibilidade de que Santiago de Compostela acolla o Instituto Confucio.
Os conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e de Cultura e Turismo, Roberto Varela, recibiron hoxe ao viceministro de Educación da República Popular de China, Ping Hao. O encontro, que tivo lugar en San Xerome, celebrouse tras a inauguración do III Foro de Reitores Hispano- Chineses, encontro universitario que se desenvolverá ao longo do día de hoxe no Pazo de Fonseca.
Durante a reunión, os conselleiros e o viceministro estiveron a falar sobre a posibilidade de que Santiago de Compostela sexa a sede do Instituto Confucio, co que se trataría de impulsar non só o coñecemento da lingua chinesa senón que tamén pretende afianzar as relacións de intercambio entre os países e, deste modo, fomentar a mobilidade académica entro os estudantes.
O Instituto Confucio, que en 1992 abriu o primeiro centro en España, ten como obxectivo dar cursos de lingua chinesa a través de distintos métodos, incluíndo multimedia e Internet. Unha aprendizaxe que se verá completada con cursos específicos para fins empresariais, para preparar estudos en China, de exames, tradución e interpretación, turismo, comercio, banca e medicina tradicional china. Ademais nestes centros pódense celebrar probas oficiais de nivel de chino (HSK) e de capacitación da ensinanza deste idioma como lingua estranxeira.
Esta reunión prodúcese o mesmo día en que Santiago de Compostela está a acoller o III Foro de reitores Hispano Chineses, coa presenza de 25 representantes españois e 30 asiáticos, que están a traballar en torno ao desenvolvemento do I+D+I no sistema universitario.