Política Lingüística editará novos traballos de investigación sobre o galego froito dos proxectos do Centro Ramón Piñeiro [1]
Anxo Lorenzo reuniuse coa comisión científica do Centro Ramón Piñeiro, organismo dependente da secretaría xeral que desenvolve programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos
O responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, vén de reunirse cos directores dos proxectos de investigación sobre o galego que está a desenvolver o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Froito destes traballos, a secretaría xeral publicará nos próximos meses diversas obras de investigación sobre o galego, entre as que se atopan un dicionario galego-latino e outro de bioloxía, novos números da colección Cadernos Ramón Piñeiro con epistolarios de Ramón Piñeiro e Ramón Cabanillas e varias obras sobre literatura medieval galeportuguesa, como un vocabulario trobadoresco, entre outras.
Liñas de estudo sobre a lingua galega
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está encargado de promover, desenvolver e dar difusión a proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos.
Na actualidade, o Centro Ramón Piñeiro centra as súas liñas de investigación en proxectos de lingüística con aplicacións informáticas, estudos de prosa e poesía medieval, recuperación e análise de publicacións literarias, estudos de fraseoloxía, proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva e outros como o Corpus documentale latinum gallaeciae.
Entre os últimos traballos publicados deste organismo atópase Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999), unha homenaxe ao autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas que achega case medio cento de prosas inéditas do escritor, ademais doutros documentos como o seu expediente académico, caligrafías, mecanoscritos e textos de autopoética, entre outros.
Avanzar no ámbito da investigación
A través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca avanzar no proceso de investigación que se está a levar a cabo actualmente sobre os diversos aspectos da lingua galega, incidindo no estudo filolóxico e de conservación das fontes lingüísticas, literarias e antropolóxicas, que permitan unha investigación profunda da nosa historia lingüística e literaria