A Consellería de Educación e a ONCE informarán aos centros dos recursos dispoñibles para atender ao alumnado con discapacidade visual [1]
Os centros que conten con estudantes que teñan estas necesidades educativas específicas recibirán información sobre as posibles actividades de formación

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) informará aos centros educativos que contan con alumnado con discapacidade visual dos recursos e actividades desenvolvidas para dar resposta a estas necesidades educativas específicas. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, asinou hoxe a comunicación, xunto co director do Centro de Recursos Educativos da ONCE, Jose Ángel Abraldes Rodeyro
O obxectivo da citada comunicación é o de informar aos centros que contan con alumnado con discapacidade visual respecto das actuacións dos profesionais dos equipos específicos mixtos e de como estes colaboran nas atencións educativas xerais mediante aspectos específicos da deficiencia visual, como poden ser accións de apoio xeral ao alumnado; transcrición elaboración e adaptación de material; ou adaptación do posto de estudo ás súas necesidades específicas.
Así mesmo, dáse conta da oferta de actividades de formación para o profesorado, entre as que destacan xornadas de portas abertas, os recursos da biblioteca técnica da ONCE e outras ferramentas que están a disposición de todas as persoas que, dunha forma ou doutra, teñen relación co alumnado con discapacidade visual.
Esta iniciativa de colaboración impulsada pola Consellería de Educación coas administracións, neste caso a ONCE, significa un paso máis na formación das persoas, na procura da plena integración educativa do alumnado favorecendo a súa inserción na sociedade e polo tanto no mercado laboral.