Arrancan nas universidades da Coruña e Santiago os Cursos de verán de lingua galega para persoas estranxeiras promovidos por Cultura e Educación [1]
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez inaugurou hoxe na Coruña o curso da UDC valorando a importancia desta iniciativa na proxección internacional da lingua galega
23 estraxeiros/as procedentes de 11 países de Europa, África e América achegaranse á lingua e á cultura galegas na quinta edición do curso organizado pola Universidade da Coruña, en colaboración coa consellería dirixida por Vázquez Abad

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a Universidade da Coruña colaboran na organización do V Curso de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, en cuxa inauguración participou hoxe o se secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e que se celebrará entre os días 2 e 7 de xullo na capital herculina. Paralelamente, deu comezo en Compostela a XXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia organizados pola Real Academia Galega e polo Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Xunta de Galicia.
No acto oficial de apertura do curso de verán da Universidade da Coruña (UDC), celebrado no reitorado da universidade herculina, o secretario xeral saudou esta nova edición como unha boa iniciativa para a proxección exterior do galego, agradeceulles aos estudantes o seu interese pola lingua propia de Galicia e animounos a dala a coñecer nas súas terras de orixe. En palabras do secretario xeral “os alumnos e as alumnas que vos sumades ao coñecemento e ao uso activo da lingua galega, en maior ou menor medida, a través desta aprendizaxe, seredes tamén fachos que alumearán a difusión da lingua galega no mundo”. García Gómez destacou ademais o compromiso da UDC na promoción do uso do galego, a través da posta en marcha e apoio de diferentes iniciativas a prol da súa difusión e coñecemento, tanto dentro coma fóra de Galicia.
García Gómez estivo acompañado por Xosé Luís Armesto Barbeito, reitor da UDC; Carlos Amoedo Souto, secretario xeral da universidade, e Goretti Sanmartín Rei, directora do seu Servizo de Normalización Lingüística. Tamén participou no acto o xefe territorial da COnsellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na provincia da Coruña, Indalecio Cabana. Ademais, asistiron ao acto os 23 alumnos e alumnas matriculadas no curso, procedentes de Europa (Croacia, Polonia, Portugal, Alemaña, Rusia, República Checa, Italia ou outras comunidades autónomas de España), América (EEU e Brasil) e África (Nixeria).
V Curso de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras
As actividades deste curso de verán inclúen, ademais de clases de lingua e cultura dos niveis elemental e intermedio, un completo programa de actividades formativas, como excursións culturais e obradoiros de música e danza, sociolingüística, gastronomía, teatro, arte e literatura galegas.