Xesús Vázquez Abad participa no acto de entrega de galardóns da XVII edición dos premios Antón Losada Diéguez [1]
O gañadores desta convocatoria foron Agustín Fernández na modalidade de creación literaria e Xesús Alonso na de investigación e ensaio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou no acto de entrega dos galardóns relativos á XVII edición do premios Antón Losada Diéguez, que se desenvolveu no pazo de Moldes no concello ourensá de Boborás. No acto tamén estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Durante a súa intervención, na clausura do encontro o conselleiro recordou a figura de Antón Losada do que dixo que “a súa figura é fundamental no seu tempo, e así o teñen recoñecido todos os estudosos do movemento galeguista”. Ao que engadiu “debe salientarse aquí, mesmo pola condición de profesores dos dous galardoados, a condición de ensinante de Antón Losada Diéguez; un mestre exemplar”.
Os gañadores
Nesta edición os gañadores foron Xesús Alonso Montero que foi recoñecido na modalidade de investigación e ensaio coa obra Aníbal Otero: Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo. Unha obra da que o xurado valorou a riqueza dos fondos documentais manexadas, e que pon de manifesto a súa familiaridade coas circunstancias históricas que marcaron as vidas de intelectuais e investigadores galegos na guerra e inmediata posguerra.
O outro premiado, Agustín Fernández Paz, foi recoñecido na modalidade de creación literaria Non hai noite tan longa, unha obra narrativa da que o xurado destacou que se trata dunha obra narrativa que indaga na conciencia nacional e que chegou a todos os públicos.
Respecto de ambos gañadores Vázquez Abad salientou que “meus sinceros parabéns para os galardoados: o catedrático emérito da USC, o “profesor”, por antonomasia, Dr. Xesús Alonso Montero, e a profesor con maiúsculas, narrador e ensaísta que honra ás nosas letras, recoñecido dentro e fóra do sistema literario galego”.
No mesmo acto tamén se fixo entrega dun caderno sobre a vida do escrito de Moldes, e a súa filla Mercedes Losada, realizado polas alumnas e alumnos do CEIP Nosa Señora de Xuvencos de Boborás.