Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > A Consellería de Cultura e Educación recibe no Gaiás os estudantes de galego no instituto Cañada Blanch de Londres

A Consellería de Cultura e Educación recibe no Gaiás os estudantes de galego no instituto Cañada Blanch de Londres [1]

Nove alumnos visitan Galicia acompañados por Xaime Varela, profesor de lingua galega que acadou o recoñecemento “Boa práctica 2.0.” co seu blog educativo ‘Fala Londres’

Gallego
Valentín García cos alumnos e alumnas do instituto Cañada Blanch de Londres
Valentín García cos alumnos e alumnas do instituto Cañada Blanch de Londres

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibiu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os 9 estudantes de 1º e 2º de ESO do instituto Cañada Blanch (Londres) que están a visitar Galicia en viaxe de estudos. Desta forma as rapazas e rapaces complementan os seus estudos de lingua e cultura galegas, mediante o contacto directo coa lingua propia de Galicia e as actividades culturais programadas para a súa estadía.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foi o encargado de darlles a benvida na Cidade da Cultura de Galicia. Durante o acto de recepción, animou o alumnado a continuar estudando galego e agradeceu a súa contribución á difusión do noso idioma no Reino Unido, así como “a construír unha Europa plurilingüe que se basee no respecto de todas as linguas e culturas”.

Valentín García tamén eloxiou o labor do profesor de lingua galega Xaime Varela, ao que a Consellería felicitou recentemente por acadar o recoñecemento “Boa práctica 2.0.” co seu blog educativo ‘Fala Londres’. Cómpre lembrar que este recoñecemento -outorgado polo Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado (INTEF) ás iniciativas que garanten a incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación á práctica docente con novos enfoques metodolóxicos e novas estratexias didácticas- valora o uso de Fala Londres como ferramenta para promover entre os galegos de Londres o aprecio e o uso da lingua galega, mostrando as súas posibilidades para tratar calquera tema e ligándoa ás tecnoloxías máis innovadoras.

Aprender galego no exterior

Ademais de no Cañada Blanch de Londres, e grazas ao traballo da Consellería, a lingua propia de Galicia está presente noutros centros que imparten ensino regrado fóra da comunidade. É o caso, no estranxeiro, do centro Santiago Apóstol de Bos Aires.

Dentro do Estado español, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación tamén aposta pola difusión e o recoñecemento do galego a través dos centros que forman parte do proxecto Galauda, que se desenvolve en Cataluña, ou dos que, grazas ao Protocolo de Colaboración entre Galicia e Castela e León, ofrecen aulas de galego e en galego nas comarcas do Bierzo e de Sanabria.

Durante estes días de estadía en Galicia, os alumnos e alumnas de galego do IES Cañada Blanch teñen ocasión de visitar algúns puntos da comunidade de interese cultural e de participar en actividades que promovan o seu contacto co galego para que, deste xeito, melloren a súa competencia lingüística.

Lingua galega [2]
Entidades europeas e internacionais [3]
Alumnado [4]
Centros [5]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/4746

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/4746
[2] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/234
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/406
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/alumnado
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/centros