A Consellería de Cultura e Educación apoia a produción editorial galega a través da convocatoria de axudas á tradución [1]
O DOG publica hoxe as subvencións da Secretaría Xeral de Cultura para favorecer tanto a versión en galego de obras publicadas orixinariamente noutros idiomas como a tradución de obras redactadas en galego a outras linguas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, apoia a promoción, produción e edición do libro galego cunha convocatoria de axudas á tradución, que favorece tanto a versión a galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas como a versión a outros idiomas de obras publicadas orixinariamente en galego.
A convocatoria para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia, [2] e a presentación de solicitudes estará aberta ata o vindeiro 4 de xuño.
As entidades editoras que soliciten as axudas dispoñen de dúas modalidades para facelo. A primeira delas está dirixida á tradución para outras linguas de obras redactadas orixinariamente en galego, e dentro dela, establécese unha contía de entre 20 e 30 euros por páxina para a tradución a linguas da Península Ibérica; mentres que para a tradución ás restantes linguas, a contía fíxase entre os 25 e os 50 euros por páxina. A axuda non poderá superar, en todo caso, os 6.000 euros.
No caso da segunda modalidade, destinada á tradución para galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, a axuda consiste no pagamento dunha porcentaxe da tradución, que oscilará entre o 50% e o 75% do importe fixado no contrato do tradutor, sen superar os 6.000 euros.
Esta liña de subvencións á tradución constitúe un importante impulso para que os escritores e escritoras en galego poidan difundir e exportar a súa obra, traducida a outras linguas. Así mesmo, estas subvencións favorecen que textos significativos producidos no exterior estean tamén dispoñibles na nosa comunidade e en lingua galega.