A Xunta pon ao servizo do sistema educativo novas unidades didácticas sobre o pobo xitano para promover o coñecemento da súa historia e riqueza cultural [1]
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa participa na presentación do documento no Instituto IES de Poio, onde destacou a aposta pola inclusión escolar
Os materiais contan con propostas de traballo na aula adaptadas a cada unha das etapas educativas, co fin de incentivar a reflexión sobre a igualdade de oportunidades

A Xunta de Galicia vén de presentar novas unidades didácticas sobre o pobo xitano co fin de promover desde a aula o coñecemento da historia desta etnia e a súa riqueza cultural ao tempo que avanzar na inclusión educativa da diversidade.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe no Instituto IES de Poio, en Pontevedra, na presentación destes materiais escolares para cuxa colaboración se contou co apoio e asesoramento das entidades de representación deste colectivo. De feito, no acto interviron Zaida Jiménez, mestra e técnica de igualdade na Federación do Secretariado Xitano de Vigo, e Andrea Jales, estudante do ciclo superior de Farmacia e promotora de saúde desta federación.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou a importancia deste tipo de materiais didácticos na aposta pola diversidade nas aulas e pola integración escolar destes alumnos. Segundo Judith Fernández, “compartir experiencias e coñecementos sobre a historia e a cultura dos teus compañeiros de pupitre, as súas inquedanzas, as súas dificultades e os seus logros é a mellor maneira de lograr un bo clima de convivencia na aula”.
De feito, destacou que lograr a máxima inclusión educativa atendendo á diversidade e ás potencialidades de cada neno “é unha das prioridades do Goberno galego” que quedará reflectido cun paquete de actuacións a través da nova Estratexia de inclusión educativa que está a ultimar a Consellería.
Materiais adaptados
As novas unidades didácticas que a Xunta pon á disposición de todos os centros educativos céntranse na historia do pobo xitano e consta de materiais adaptados ás etapas de Educación Infantil, Primaria e ESO. Nelas recóllese información ampla e estruturada sobre a orixe deste pobo, a súa evolución e expansión territorial, os distintos grupos que existen en Galicia.
As unidades conteñen distintas propostas de traballo para levar a cabo na aula como actividades integradas no currículo de cada una das etapas, onde se dan pautas aos docentes para levar a cabo a programación didáctica, a metodoloxía, a organización e a coordinación, entre outros. Inclúense casos prácticos para aplicar na aula así como os criterios de avaliación e mesmo a participación das familias.
Respecto polas diferenzas
Así pois, na etapa de Infantil proponse a actividade Somos únicos...e diferentes!!, a través da cal se pretende introducir, desde idades moi temperás, o respecto polas diferenzas físicas e culturais, en concreto cara o pobo xitano, a partir do traballo da súa propia imaxe, identidade e cultura.
Na etapa de Primaria propóñense as actividades Maletas da Vida, Romanís na historia e Orgullo de ser xitana!, a través das cales se busca integrar diferentes tipos de experiencias e aprendizaxes do alumnado e orientalo cara a adquisición dunha serie de habilidades prácticas, coñecementos, actitudes e valores que lle permitan a participación activa no seu contexto social.
Coa realización das diferentes tarefas preténdese o coñecemento e comprensión das forma de vida propias, da cultura máis próxima e relacionada coa vida cotiá. A través do coñecemento do que lles é propio e querido poderán chegar á valoración do que é importante para outros nenos e nenas, en este caso pertencentes ao pobo xitano. A finalidade última é desenvolver un sentimento de empatía e o recoñecemento de vivencias universais que igualan a todos os seres humanos
A unidade de ESO leva por título Nin máis nin menos, Ensinanza xitana!! e busca incentivar aos alumnos a que reflexionen sobre a discriminación que sofre a comunidade xitana, sobre as súas oportunidades nas distintas facetas da vida como estudar, traballar, alugar un piso, mercar... En definitiva, que desde a escola se afonde na participación cívica, se traballen os valores democráticos, se fomente o espírito crítico e se promova o diálogo intercultural.