A Xunta abre o prazo para a incorporación de novos centros ao Ensino Plurilingüe o próximo curso 2025-26 [1]
Os colexios e institutos teñen ata o 30 de abril para solicitar implantar este modelo nas etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
O alumnado galego ten o maior nivel de inglés de España en base o estudo máis amplo que se realiza cada ano, con 564 puntos, 13 máis que a segunda comunidade

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para que os centros educativos que o desexen soliciten a súa incorporación a Rede de Centros Plurilingües de Galicia para o próximo curso 2025-26, ou ben sumar novas etapas a maiores das que xa imparten.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as convocatorias que permitirán seguir estendendo a aprendizaxe dunha lingua estranxeira no sistema de ensino galego nas etapas de Infantil [2], Primaria, ESO [3] e Bacharelato [4]. Os colexios e institutos interesados poderán presentar as súas candidaturas ata o 30 de abril a través da aplicación habilitada no Portal Educativo.
Todas estas convocatorias enmárcanse na Estratexia galega de linguas estranxeiras (EDUlingüe 2030), para o fomento e a mellora do plurilingüismo no ensino non universitario, na que se contemplan medidas e accións para a mellora da competencia lingüística en linguas estranxeiras do alumnado galego.
Precisamente, o alumnado galego ten o nivel máis alto de España en inglés, e sitúase no nivel alto do mundo, segundo o estudo máis amplo a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF). En concreto, sitúase como a primeira comunidade autónoma con 564 puntos, 13 máis que a segunda e cinco máis ca o pasado ano.
Máis de 500 centros e 665 auxiliares de 24 países
Este modelo plurilingüe implantado pola Xunta -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO. Xa a partir do curso 17/18, ampliouse ás etapas de Infantil, Bacharelato e Formación Profesional.
No actual curso 2024/25 hai un total de 511 centros plurilingües, que contan co apoio de 665 auxiliares de conversa nativos de 24 nacionalidades distintas e cinco continentes que imparten clases nestes centros.