Os institutos galegos que impartan bacharelato poderán seguir a ofertar, polo menos, dúas modalidades destas ensinanzas [1]
Así se lle comunicou esta tarde ás organizacións sindicais, na mesa sectorial do ensino non universitaria
A Consellería non incrementará a ratio e a nosa Comunidade continuará a contar cun menor número de estudantes por aula
Video:

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicou hoxe aos integrantes da Mesa Sectorial do Ensino que os institutos galegos nos que se imparte bacharelato poderán manter a mesma oferta que ata o de agora. Nese sentido, a Consellería non aplicará a posibilidade aberta polo Ministerio de eliminar a esixencia de que neses centros se oferten, polo menos, dúas modalidades. Os centros galegos que impartan estas ensinanzas seguirán a ofertar, polo menos, dúas ramas.
Na xuntanza coas organizacións sindicais integrantes da mesa sectorial do ensino non universitario, abordouse o análise do Real Decreto 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo. Os representantes da consellería explicaron, ademais, que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad non ten intención de incrementar as ratios nas aulas dos centros escolares, xa que as medidas aplicadas para a transformación do sistema educativo no que vai de lexislatura colocan a Galicia cun escenario máis flexible á hora de introducir elementos de racionalidade e eficiencia no ensino.
Deste xeito Galicia seguirá a ser unha das Comunidades Autónomas coa ratio de alumnos por aula máis baixa do Estado, así como entre as máis baixas de Europa.
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad expresou igualmente a súa vontade de traballar en conxunto coas organizacións sindicais e coa comunidade educativa a prol da calidade do ensino e para que o noso sistema educativo poida saír reforzado do proceso de transformación cara á modernidade polo que está a atravesar. Con todo, os representantes da Consellería explicaron que Galicia conta coa marxe de manobra outorgada polo traballo xa feito no que vai de lexislatura a prol da racionalidade e a eficiencia no ensino.
Xornada lectiva
Respecto do establecido polo Real Decreto para a xornada lectiva dos docentes, os representantes da Consellería explicaron que se trata dunha disposición de obrigado cumprimento a nivel nacional coa que se equipara en todas as Comunidades Autónomas a parte lectiva da xornada semanal a 25 horas en educación infantil e primaria e a 20 horas nas restantes ensinanzas.
Neste sentido a Consellería comprometeuse ademais a apoiar a autonomía dos centros no que respecta á súa organización para garantir a correcta cobertura das horas de clase cando se produza a eventual ausencia dun docente.