A Xunta promove o espírito emprendedor entre a mocidade galega na xornada dedicada á Industria Cultural, en Santiago [1]
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad xunto á Consellería de Traballo e Benestar organizan o encontro que tamén se desenvolverá no campus de Ourense
Jesús Oitavén destacou os datos que dan a coñecer o dinamismo do sector que destaca pola súa capacidade para crear emprego a pesar do contexto de crise
Amparo González salientou que a Consellería de Traballo facilita o necesario asesoramento e acompañamento técnico aos emprendedores a través da Rede de Axentes de Emprego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xunto á de Traballo e Benestar continúan a organizar a primeira convocatoria das Xornadas de Emprendemento nas Industrias Culturais que se celebran nos campus universitarios galegos.
Na inauguración da xornada de hoxe, desenvolvida no campus de Santiago de Compostela participaron o secretario xeral técnico de Cultura e Educación, Jesús Oitavén, e a directora xeral de Promoción do Emprego, Amparo González.
Na súa intervención o Oitavén destacou que “Galicia é unha terra cun gran capital en creatividade, tradición e patrimonio natural e artístico. Sen dúbida, un bo xeito de conducir ese potencial pasa polas industrias culturais”.
Do mesmo xeito destacou que “segundo os datos do INE, as empresas culturais e creativas galegas aumentaron o seu número nun 1,11% respecto a 2010 e nun 3,43% respecto a 2008, elevando tamén o seu peso relativo no tecido galego ata un 6,89%. Confírmase deste xeito o dinamismo do sector, que destaca tamén pola súa capacidade para xerar emprego aínda en contextos de crise e que, a pesar da súa atomización, conta con empresas de referencia internacional e cun gran potencial de crecemento comparado incluso con sectores máis maduros”.
Pola súa banda González sinalou que “facilita o necesario asesoramento e acompañamento técnico aos emprendedores, de forma que dispoñan dun apoio profesional tanto na fase de posta en marcha da actividade como nos primeiros anos de funcionamento da súa empresa”, a través da Rede de Axentes de Emprego e no marco das políticas activas de emprego”.
A programación
As xornadas que se iniciaron a semana pasada na Coruña continuaron no campus de Pontevedra, e serán clausuradas no de Ourense, nun acto no que está prevista a presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
As xornadas sobre ‘Emprendemento nas industrias culturais’ organizadas xunto coas universidades e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co fin de dar a coñecer, ao alumnado e a todas as persoas con espírito empresarial, as potencialidades empresariais e as oportunidades de negocio vinculadas ao sector da cultura, que congrega máis de 3.800 empresas en Galicia, das que o 96% son microempresas.