A Xunta convoca bolsas para que 300 docentes melloren idiomas no estranxeiro a través do programa Galemundo [1]
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de marzo
Hai dúas modalidades, unha para o verán e outra para integrarse no primeiro trimestre

A Xunta de Galicia vén de convocar no Diario Oficial de Galicia [2] 300 prazas para que os docentes melloren as súas competencias lingüísticas no estranxeiro do marco do novo programa Galemundo, co que a Xunta impulsa a internacionalización no ensino. O prazo para solicitar participar nesta iniciativa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras estará aberto ata o 21 de marzo.
Este ano, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina máis de 1M€ a esta convocatoria para cubrir os gastos de desprazamento (agás os traslados ata o punto de saída e chegada), docencia, actividades culturais, manutención e aloxamento das persoas beneficiarias desta acción.
O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible desde a páxina web [3] do programa e cubrirase o formulario electrónico que corresponda en función da actividade na que desexan participar. Unha vez cuberto, os interesados gravarán os datos na aplicación en liña, e posteriormente realizarán a presentación a través da sede electrónica [4] da Xunta de Galicia.
Integración nun centro escolar
A convocatoria está dirixida ao profesorado de inglés, francés ou portugués de Infantil, Primaria, Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial, así como aos docentes de materias ou módulos non lingüísticos impartidos en linguas estranxeiras nestas etapas educativas e divídese en dúas modalidades.
Unha delas consiste na realización dun curso de idiomas de dúas semanas en Reino Unido, Francia Portugal ou Alemaña. A estadía no estranxeiro desenvolverase durante o mes de xullo de 2025. Na segunda fase o docente elaborará unha proposta didáctica como recurso educativo aberto baseada na súa experiencia.
A outra é para a integración na vida escolar nun centro educativo de Canadá, Francia ou Portugal durante dúas semanas no primeiro trimestre do curso 2025/2026. A segunda fase céntrase na difusión da experiencia adquirida mediante a elaboración dunha memoria e dunha proposta didáctica como recurso educativo aberto.