Román Rodríguez aposta polo deseño dunha nova carreira profesional docente que prestixie a profesión, blinde a calidade e afronte os desafíos de futuro [1]
Presenta en Madrid o “modelo de éxito” galego avalado polos principais indicadores nacionais e internacionais tanto en competencias académicas como en equidade
Salienta que a estabilidade nas políticas públicas durante os últimos quince anos “resultou clave” para estes resultados positivos
Avanza que a Xunta traballa na nova Lei de Educación dixital, única no Estado e en Europa, que situará Galicia na vangarda do sistema educativo

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, aposta polo deseño dunha nova carreira profesional docente que prestixie a profesión de ensinante e blinde a calidade do sistema educativo, a igualdade e a equidade. O novo modelo debe estar en disposición de dar resposta aos desafíos que se aveciñan, entre eles os demográficos, os tecnolóxicos, os de sustentabilidade ambiental e social e os laborais.
Así o expuxo esta mañá en Madrid nun relatorio no marco do 44º Diálogo de Educación organizado pola Confederación de Pais de Alumnos, COFAPA, en colaboración coa Fundación Berstelsmann, un evento consolidado que ten como obxectivo compartir coñecemento e afondar no eido pedagóxico ante representantes da comunidade educativa.
Na súa intervención, Román Rodríguez, deu conta do “modelo de éxito” do sistema educativo galego como un sistema “de calidade, equitativo e inclusivo”, como reflicten os principais indicadores oficiais. A modo de exemplo citou os resultados PISA “onde pasamos de estar por debaixo da media a liderar parámetros como o de ciencia, creatividade e equidade”. Somos tamén referentes no nivel de inglés, na inclusión, temos mellores rateos de alumnos por aula ca media de España, e lideramos a revolución na FP tanto en matrícula como en empregabilidade, entre outros.
Non obstante, recalcou que estes resultados “non son froito da casualidade, senón de quince anos de estabilidade nas políticas públicas”, cun especial esforzo no investimento por alumno, en garantir a proximidade dos servizos e na aposta pola equidade e a calidade como “piares” do sistema. “A calidade sen equidade é elitismo e a equidade sen calidade é un despilfarro”, abondou.
O titular de Educación do Goberno galego, avanzou que esta dinámica que nos sitúa “na vangarda da educación” supón unha responsabilidade engadida para seguir traballando “coa máxima responsabilidade” na educación do presente e do futuro.
Adecuar á oferta á demanda de prazas docentes
Neste senso, unha das propostas que explicou en Madrid é reformular o acceso á profesión docente, dado que o modelo actual está “desactualizado”, segundo o conselleiro, polo que “urxe abordar desde xa e desde un marco estatal” unha carreira profesional axeitada con estes novos retos aos que ten que dar resposta o sistema educativo. E para iso, en palabras do conselleiro, “cómpre renovar o sistema de acceso e captar os mellores profesionais para ser profesores e que conten coa mellor formación”.
Román Rodríguez propón actuar en dúas frontes complementarias. Por unha banda, “repensar” a porta de entrada á profesión docente, para o cal é necesario adecuar o número de prazas nas facultades de Ciencias de Educación e de Maxisterio á capacidade do sistema para absorbelos con profesionais. Isto é, adecuar a oferta á demanda para “gañar prestixio, mellorar a profesión e non defraudar expectativas”, salientou. E por outra banda, actuar sobre a formación do profesorado a través dun consenso nas competencias principais que debe adquirir un profesor “para atender aos seus alumnos nas aulas”.
Neste senso, Galicia xa conta cun rigoroso traballo feito en 2017, cando iniciou un proceso de diálogo coas facultades de Educación das tres universidades públicas, o que desembocou cun marco propio de competencias docentes que foi actualizado en 2023 e fai fincapé na formación inicial do profesorado así como na formación continua. Unha experiencia que, segundo explicou o conselleiro, Galicia puxo á disposición do Ministerio, sen obter resposta algunha.
Lei educación dixital
Por outra banda, o conselleiro tamén expuxo o traballo que está realizando Galicia para dotar o sistema da primeira Lei de educación dixital a nivel estatal e europeo, e que situará á Comunidade Autónoma na vangarda do ensino. Segundo explicou, esta normativa xorde da necesidade de afrontar con seguridade e certezas os novos retos de transformación social que se están producindo e que atinxen de xeito directo ao sistema educativo.
Nos vindeiros días vaise abrir un proceso de diálogo con todos os colectivos que abranguen os centros educativos, o profesorado, as familias a través das anpas e expertos en tecnoloxía, entre outros, para recibir achegas para esta lei que regulará os dereitos e os deberes de toda a comunidade.
Así pois, Román Rodríguez explicou que a Consellería de Educación quere liderar un debate baseado en evidencias científicas e en investigacións co fin de elaborar un texto rigoroso para blindar o sistema educativo galego do segundo cuarto do século XXI como un sistema de calidade, de igualdade e de equidade aproveitando as oportunidades de mellora que brindan as novas realidades como é a intelixencia artificial, entre outros.