O secretario xeral técnico de Cultura e Educación sinala na Mostra do Ensino 2012 que a Lei de Convivencia reduciu un 5% os conflitos nas aulas [1]
A norma foi impulsada e posta en marcha polo actual goberno da Xunta de Galicia e outorga a condición de autoridade pública ao docente ao tempo que implica ás familias no sistema educativo
Jesús Oitavén recordou que “a norma regula o acoso na aula, con especial incidencia no ciberacoso”

Na última xornada da Mostra do Ensino 2012, celebrada desde o mércores 11 en Expocoruña ata hoxe, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, sinalou que a Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa de Galicia contribuíu, en apenas un ano a reducir ao redor dun 5% os conflitos nos centros.
Cómpre recordar que a A lei 4/2010 de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa de Galicia foi posta en marcha polo actual goberno da Xunta de Galicia e outorga a condición de autoridade publica ao docente ao tempo que implica ás familias no propio sistema educativo, dando deste xeito resposta a unha demanda da comunidade educativa.
Durante a súa intervención na mesa redonda A convivencia é de todos o secretario xeral técnico incidiu en que “a norma regula o acoso na escola, con especial incidencia no ciberacoso, recoñece a autoridade dos profesores na solución de conflitos e permite a participación dos pais nas decisións da comunidade educativa”. E engadiu que considera a lei “moi positiva”. “No último ano reducíronse os conflitos ao redor dun 5%”, matizou. Actualmente, a lei está “en proceso de desenvolvemento regulamentario, con regulamentos e protocolos de actuación” para tratar de mellorar a súa implantación nos centros educativos galegos.
Jesús Oitavén, encargado de moderar dita mesa redonda na xornada de clausura matizou que “a convivencia dun sistema educativo é fiel reflexo da sociedade na que vivimos" e recordou a existencia da "lei de convivencia educativa e un decreto que, logo de moitos anos, trata de regular a convivencia no sistema educativo".
Os relatores
Na súa intervención, o xuíz José Antonio Vázquez Taín comentou que "os problemas da escola non son alleos aos do resto da sociedade". "Ante unha situación de conflito, sempre ten que haber alguén que poña orde; neste país é o problema, non queremos autoridade, queremos utopía", polo que os profesores convertéronse en meras "lousas dixitais" desde que se lles quitou a cualificación dos alumnos".
Pola súa banda, Beatriz Seijo, avogada, tamén insistiu na idea de reforzar a autoridade do profesor e comentou que "é sorprendente o que chega aos despachos de avogados, situacións altamente cotiás entre os menores, os seus pais, os profesores". Para Seijo, "hai unha especie de dano colateral, nesa forma de espirse ante os tribunais", que "resolven un conflito concreto pero non o problema base".
Pola súa banda, Virgilio Gantes, presidente de Confapa Galicia, criticou as acusacións de que a culpa sexa "sempre das familias, os alumnos, a sociedade..." e reivindicou a figura do mediador de conflitos. Mentres que Jorge Javier Vilarino, presidente de Congapa , expuxo que a violencia é un problema co que non contabamos. “Viámolo en películas americanas e pensabamos que aquí non podía pasar”, e encomiou a lei galega, que “non só inclúe dereitos, senón que é un catálogo de deberes”. “Debemos facer fincapé niso, só desde esa autoesixencia poderemos mellorar o clima de convivencia”, concluíu.Para rematar, Manuel Losada Cabanas, director do CFR de Ferrol, recordou que “a escola é un sitio onde convive xente, por iso sempre haberá problemas de convivencia”. Sobre o acoso escolar, Losada incidiu en que “a institución con máis casos de violencia en prensa é a familia e a xente non ten problema en mandar ao seu fillo a casa; o instituto é un dos sitios onde os nenos están máis seguros, moito máis que na praza”, ao tempo que reivindicou a dignificación dos docentes.