Cultura e Educación dedícalle a sesión inaugural do ciclo ‘Galicia, ceo das letras’ a Celso Emilio Ferreiro no ano do seu centenario [1]
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o papel do ciclo ‘Galicia, Ceo das Letras’ como un xerador de sinerxías entre a literatura e outras disciplinas artísticas como a música, o cine ou o teatro
A xornada ‘Celso Emilio e a dignidade da terra’ contou coa participación do fillo do poeta, Luís Ferreiro, do profesor Ramón Nicolás e coa posta en marcha dunha programación infantil que lles achegou aos máis pequenos a figura do autor
A vindeira sesión terá lugar o 12 de maio e estará dedicada ao escritor brasileiro Jorge Amado. A inscrición é de balde previa reserva en www.cidadedacultura.org [2]

Celso Emilio Ferreiro foi o protagonista da primeira sesión de Galicia, Ceo das Letras, o ciclo literario co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria busca poñer en valor a literatura galega en diálogo coa literatura universal. Cunha sesión que levou por título Celso Emilio e a dignidade da terra, a Cidade da Cultura celebrou así o centenario do escritor de Celanova, un dos máximos expoñentes do realismo social na poesía e un dos autores máis queridos pola cidadanía.
A inauguración do ciclo correu a cargo do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen recordou o éxito da primeira edición desta iniciativa literaria, ao tempo que destacou o seu papel de xerador de sinerxías entre literatura e outras disciplinas artísticas como a música, o cine ou o teatro. Asemade, Anxo Lorenzo agradeceulles a todas as entidades que colaboran na realización do ciclo o seu apoio á organización e desenvolvemento de cada unha das sesións ás que amadriñan. “Esta colaboración combínase co espírito da Cidade da Cultura de traballar en rede cos diferentes centros e institucións co obxectivo de proxectar a nosa cultura”, engadiu o secretario xeral.
Pola súa banda, o fillo do autor homenaxeado e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, asegurou que “o escritor celanovés é un deses poetas inmortais que non só non prescribe nin ten data de caducidade, senón que se actualizan a cada pouco da man de novas fornadas de artistas”.
Actuación punk e proxección audiovisual
A sesión dedicada a Celso Emilio contou cunha charla-coloquio a cargo do profesor e crítico literario Ramón Nicolás, quen realizou diversos traballos sobre Celso Emilio Ferreiro e que ten previsto publicar proximamente unha biografía sobre o celanovés. A continuación, a formación musical ‘Labregos do Tempo dos Sputniks’, realizou un tributo punk aos versos de Celso Emilio. Durante esta sesión proxectáronse, ademais, imaxes do documental Finis Terrae (Galicia), de Carlos Velo, cedidas polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), Laura Gardós e Miguel Anxo Fernández.
A sesión inaugural de Galicia, Ceo das Letras estreou tamén unha programación infantil paralela, na que nenos de 6 a12 anos descubriron pequenos misterios sobre a vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro a través de poemas e xogos colectivos. Da man da poeta e actriz María Lado e o actor Borxa Ínsua e dinamizado pola actriz e educadora Marta Ríos, os máis pequenos puideron adentrarse un pouco máis nunha das figuras claves das nosas letras.
O vindeiro “Sábado de autor” terá lugar o 12 de maio cunha sesión dedicada ao escritor brasileiro de maior proxección universal, Jorge Amado, amante da mestizaxe da súa Bahía natal e tamén un escritor marcado polo seu compromiso cos desposuídos. Como relator da sesión estará Basilio Losada, primeiro catedrático de literatura galega e portuguesa na Universidade de Barcelona e tradutor da obra de Amado. Nesta xornada proxectarase un documental do ano 1979 traído expresamente do Brasil e apenas exhibido en España: Jorjamado no Cinema, dirixido por Glauber Rocha. Para participar nesta sesión só é preciso inscribirse de balde en www.cidadedacultura.org [3] a partir de hoxe mesmo.