O secretario xeral de Cultura inaugura o Museo de Arte Contemporáneo Costa da Morte [1]
O centro museístico, promovido pola Fundación Torre-Pujales, recolle a práctica totalidade da obra do pintor Julio Pujales
A través da convocatoria de axudas a equipamentos culturais, a Consellería de Cultura e Educación apoiou a creación do museo, que albergará unha ampla colección de pinturas, esculturas e fotografías

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou hoxe, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Museo de Arte Contemporáneo Costa da Morte, situado en Corme, no concello coruñés de Ponteceso, foi promovido Fundación Torre-Pujales, que preside a viúva do pintor Julio Pujales, e contou coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o acondicionamento da sede, a través da convocatoria de subvencións para equipamentos culturais.
Artistas da colección
O Museo de Arte Contemporáneo Costa da Morte acolle a práctica totalidade da obra do pintor Julio Pujales. O centro tamén reúne unha extensa colección de pinturas, esculturas e fotografías. Entre os artistas que se inclúen na colección destacan nomes como o de Alfonso Abelenda, Antonio Saura, Colmeiro, Eduardo Arroyo, Laxeiro ou Jorge Peteiro. Ademais, esta a oferta artística irase completando a través das creacións de artistas plásticos a nivel internacional que gozan das bolsas de formación concedidas pola propia fundación.
Este novo espazo cultural vén reforzar a oferta de museos monográficos dos que dispón a Costa da Morte, entre os que se encontran os dedicados ao mar, á pesca, á auga, aos muíños, ao encaixe ou á olería.