A Consellería de Cultura e Educación converte a vindeira semana o Gaiás en epicentro da World Music co Galician Connection [1]
Do 11 ao 13 de abril, a Cidade da Cultura acollerá un programa formativo exclusivo con clases prácticas, encontros “cara a cara” a cargo de sete músicos convidados, ademais de foros, debates participativos e un concerto de clausura
Tamén estarán representantes de diferentes tradicións musicais como Wu Tong dende China ou Sandeep Das da India, os percusionistas Emilio Solla e Josep Vicent e os galegos Anxo Pintos e Guadi Galego
O Museo de Galicia estrease como escenario de concertos coa Galician Connection ao Vivo, actuación coa que se pechará este encontro
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converte do 11 ao 13 de abril a Cidade da Cultura no epicentro da World Music a través de Galician Connection. Xornadas internacionais ao redor das músicas do mundo coordinadas pola artista Cristina Pato e coa colaboración especial de Paquito D’Rivera, unha das grandes figuras da música cubana, fundador do grupo Irakere con Chucho Valdés e gañador de múltiples Grammys. Xunto a eles estarán figuras punteiras de músicas tradicionais de China, Asia ou Arxentina como Wu Tong, Sadeep Das ou Emilio Solla; o percusionista e director da The World Orchestra, o valenciano Josep Vicent; e destacados representantes da música galega como Anxo Pintos e Guadi Galego, ademáis de directores de festivais internacionais, como o APAP de Nova York, o Festival Internacional de Jazz de Barcelona ou o HUM Ensemble da India.
Serán tres días nos que o Gaiás reunirá a músicos galegos e doutras latitudes para establecer un diálogo cultural creativo a través da música e que incluirán un programa formativo exclusivo con clases prácticas e encontros “cara a cara” con estes grandes mestres, foros e debates participativos e un concerto de clausura no Museo de Galicia.
Compartindo experiencias nestas xornadas estará undos máximos expoñentes da cultura tradicional chinesa, líder da primeira banda de rock en soar na televisión nacional e posuidor de varios Grammys, Wu Tong; o discípulo de Ravi Shankar e mestre de táboa india Sandeep Das; unha das figuras máis influíntes dentro do “tango-jazz”, o arxentino Emilio Solla; o recoñecido percusionista valenciano e actual director da The World Orchestra, Josep Vicent; ademais do músico, arranxista e compositor de jazz cubano Paquito D’Rivera e os ex membros de Berrogüeto, Anxo Pintos e Guadi Galego como representantes da cultura musical galega.
Os inscritos en Galician Connection participarán nun programa de formación exclusivo impartido por estes sete mestres, que inclúe foros de debate ao redor da World Music, asistencia a ensaios e clases prácticas onde descubrir novas técnicas instrumentais e sonoridades comúns, e encontros "cara a cara", onde cada participante poderá falar co músico convidado co que desexe tratar dunha forma directa e persoal. Ademais, Galician Connection reserva a mañá do venres 13 de abril para que todos eles poidan achegarse á figura dun músico único como é Paquito D’Rivera, nunha sesión que misturará clase maxistral, diálogo musical e encontro informal.
Galician Connection ao Vivo
Galician Connection conta, ademais, con dúas actividades que se abren ao público non inscrito: o Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible, no que se abordará a World Music dende o punto de vista da programación e a busca de novos mercados, e o concerto de clausura Galician Connection ao Vivo, que terá lugar no Museo de Galicia.
Da man de responsables de festivais como o APAP de Nova York, o Festival Internacional de Jazz de Barcelona ou o HUM Ensemble da India, o Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible abordará as estratexias de posicionamento da música galega no mercado internacional, a elaboración das programacións dos eventos de prestixio ou modelos e experiencias de programación sostibles.
Ademais, o Museo de Galicia estrearase como escenario para concertos acollendo a actuación de clausura do Galician Connecion ao Vigo, un concerto único no que viaxaremos a través dos estilos e culturas dos artistas convidados e que terá como bases a colaboración, a comunicación e o poder da música como linguaxe global. As entradas para a asistir ao concerto de clausura poden mercarse en www.servinova.com [2] a un prezo de 12 euros máis gastos de xestión.