Cultura e Educación potencia as colaboracións internacionais da Illa de San Simón para consolidar o proxecto ‘Illa do pensamento’ [1]
O labor de difusión cultural da Illa de San Simón xa figura como referencia no sur de Galicia para a rede social online adicada a viaxes ‘foundcity.net’
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dirixida por Xesús Vázquez Abad, continúa a potenciar as colaboracións internacionais da Illa de San Simón para consolidar o proxecto ‘Illa do Pensamento’, que se está a consolidar como un referente cultural entre os medios internacionais. De feito, a rede social online dedicada a viaxes, foundcity.net, vén de publicar un post sobre a cidade de Vigo e arredores no que se destaca a Illa de San Simón como un dos motores culturais da rexión.
O proxecto Illa do Pensamento, deseñado para facer da Illa de San Simón un referente cultural internacional, está a acadar satisfactoriamente os seus obxectivos cando aínda non se cumpriron dous anos do seu nacemento. Asemade, o Instituto Finedu de Bos Aires acordou recentemente coa Illa de San Simón a cesión da programación da Illa do Pensamento para realizar na capital arxentina algún dos eventos estrela de San Simón, como son o Neuromagic e Testemuñas do Futuro.
Neste sentido, en vindeiras datas a Comisión Europea podería aprobar un proxecto cultural no que a Fundación Illa de San Simón participaría en colaboración con institucións de Bélxica e Francia durante os vindeiros anos. Igualmente, pola programación da Illa do Pensamento tamén se interesou a Arabic Orchestra of New York, quen solicitou recentemente participar nas actividades de San Simón; así como, establecéronse os primeiros contactos con diversas institucións chilenas interesadas no proxecto.
A Consellería de Cultura e Educación está realizando unha intensa actividade de relacións exteriores de difusión do proxecto Illa do Pensamento, corroborada polo amplo seguimento internacional das actividades realizadas en San Simón, e que se prevé que ofreza novos froitos nos vindeiros meses.