A Xunta presenta en Suecia as oportunidades que ofrece Galicia para investigadores estranxeiros [1]
A Axencia Galega de Innovación participa, xunto ás tres universidades públicas de Galicia, no Simposio 10º Aniversario da Asociación de Científicos Españois en Suecia
Esta actividade forma parte da campaña de difusión internacional da Xunta para promover a atracción e retorno de persoal investigador

Representantes da Xunta de Galicia e das universidades públicas galegas viaxaron esta fin de semana a Suecia para participar nun seminario que organiza a Asociación de Científicos Españois en Suecia (ACES-SFFS) para conmemorar o 10º aniversario da súa fundación. Alí, a delegación galega presentou as oportunidades que ofrece a I+D+i galega ao persoal investigador e as estratexias e programas de captación, atracción e retención de talento.
Concretamente, participaron neste encontro María José Mariño, directora da área de Talento e Transferencia da Axencia Galega de Innovación; Santiago Cernadas, técnico da Oficina de Captación de Persoal Investigador da Universidade da Coruña; Mª Dolores Sánchez, da área de Promoción e Estratexia Científica da Universidade de Santiago, e Ana Mosquera, técnica da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo.
Esta viaxe forma parte dunha ampla campaña de difusión internacional das capacidades e oportunidades que ofrece Galicia ao persoal investigador. Impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, o obxectivo é promover o retorno do persoal investigador galego no exterior e a atracción do talento científico internacional.
Desenvolver unha carreira científica en Galicia
Este esforzo de comunicación, concretado en diversas accións para dar a coñecer e posicionar a Galicia como un territorio para desenvolver una carreira científica de éxito, inclúe a presenza en encontros internacionais. Nestes eventos danse a coñecer iniciativas como o Programa Oportunius da Xunta, cuxo obxectivo é xerar, reter, retornar e atraer candidatos finalistas e gañadores das prestixiosas axudas do European Research Council (ERC), consideradas un indicador de excelencia científica.
No marco deste esforzo divulgador das capacidades científicas de Galicia, a Consellería de Ciencia colabora de maneira estable con distintas entidades, entre as que destaca RAICEX, a Rede de Asociacións de Investigadores e Científicos Españois no Exterior, e as súas delegacións nacionais. A participación en encontros dirixidos á comunidade científica internacional ten permitido que ao redor de 1.500 investigadores de todo o mundo coñezan de primeira man a I+D+i galega e as súas oportunidades.
Ampla difusión no último ano
Así, desde setembro de 2023, representantes da Xunta e de diversas entidades galegas participaron en varios eventos científicos internacionais: Encontro anual CERFA (Berlín, setembro de 2023), Bridging European Science (Bruxelas, outubro de 2023), Conferencia da Presidencia da MSCA (Toledo, novembro 2023), I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro, FIGaE (Bruxelas, marzo 2024), MCAA Annual Conference (Milán, marzo 2024), II Encontro da Asociación de Científicos Españois en Brasil, ACEBRA (en liña, xuño 2023) e XI Simposio Internacional de Científicos Españois en Reino Unido, SRUK/CERU (Londres, xuño 2023).
En outubro está previsto un encontro coas asociacións de científicos españois no Benelux (Bélxica, Holanda e Luxemburgo) e a participación nas sesións informativas de Connects – UK.