Cultura e Educación reúne no CGAC unha mostra con 93 pezas dunha das coleccións privadas de arte contemporánea máis importantes de Europa [1]
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá a exposición ‘De la generosidad’, formada por fondos da Fundación Helga de Alvear
As salas do espazo expositivo da Consellería de Cultura e Educación acollerá ata o 17 de xuño as obras de máis de 50 artistas, entre eles Motherwell, Palazuelo, Kosuth ou Gordon Matta-Clark

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá a exposición De la generosidad, unha mostra formada por unha selección de fondos da prestixiosa colección da Fundación Helga de Alvear, que estará ata o vindeiro 17 xuño no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A exposición De la generosidad constitúe “un novo exemplo das continuas colaboracións que o CGAC establece con outras institucións e que permiten enriquecer a actividade expositiva dedicada a difundir a arte contemporánea galega con mostras de recoñecidos artistas de todo o mundo”, asegurou o secretario xeral, que estivo acompañado na presentación pola galerista e coleccionista Helga de Alvear e o director do CGAC e comisario da mostra, Miguel von Hafe. O acto inaugural da exposición terá lugar esta mesma tarde as 20:00 horas.
A mostra, que sucede nas salas do CGAC a exitosa exposición O sendeiro sinuoso, centrada na obra de Jeff Wall, está composta por 93 pezas de máis de 50 artistas seleccionadas da colección Helga de Alvear. Partindo dun núcleo de obras do modernismo clásico (Morris Louis, Ad Reinhardt, Robert Motherwell, Manuel Rivera, Pablo Palazuelo), a mostra desdóbrase en dous momentos cronoloxicamente consecutivos que, non obstante, dialogan constantemente entre eles.
Por un lado, as neovangardas e os dispositivos que poñen en dúbida as prácticas tradicionais características da arte dos anos sesenta e setenta (Joseph Kosuth, Ed Rusha, Gordon Matta-Clark, Equipo Crónica) e, por outro, as prácticas contemporáneas, en particular aquelas que revisten criticamente na modernidade.
Excelente colección de arte
En 1967, a galerista e coleccionista Helga de Alvear compraba a súa primeira obra de arte e, sen sospeitar a dimensión que este acto adquiriría no futuro, daba inicio a unha actividade que se mantivo ata a actualidade. En todo este tempo, reuniu a máis importante colección privada de arte contemporánea internacional de España e unha das máis importantes de Europa.
Sen pretender reconstituír a historia da arte recente ou os movementos que a estruturan, Helga de Alvear foi adquirindo obras que, independentemente do seu autor, lle interesan polos avances artísticos que representan, porque van ao encontro dos seus intereses ou porque constitúen un reflexo conceptual ou metafórico do mundo en que vivimos.
Máis de 2.500 obras integran na actualidade a colección da Fundación Helga de Alvear. Non obstante, a colección non se concibe como un conxunto pechado e definitivo. Pola contra, permanece en constante crecemento para responder a ese desexo de acompañar as transformacións e desenvolvementos actuais e futuros da arte contemporánea.
Próximas exposicións no CGAC
Ademais, desde o 30 de marzo el CGAC inaugurará as exposicións A bandeira na cima, de Rafael G. Bianchi e comisariada por David G. Torres; e Gravity & Disgrace, primeira entrega dunha exposición colectiva que recollerá a obra de Carla Filipe, Marlena Kudlicka, Paloma Polo e os galegos Manuel Eirís e Diego Santomé.
File: