Cultura e Educación organiza o ciclo ‘ST Música Presente 2012’ que comeza no Salón Teatro con folk galego de Liorna [1]
A presentación en directo so seu cuarto traballo discográfico, Sarahyba, será este xoves 22 de marzo ás 21.00 horas
O grupo de Marín continúa neste álbum coa súa liña musical, baseada na tradición galega pero con pinceladas actuais.
As actuacións de Riobó (26 de abril), Borja Cao Trío (10 de maio), Ugía Pedreira&Fred Martins (7 de xuño) e Loaira (14 de xuño) completan a primeira parte do programa da Agadic para a promoción especial dos novos discos galegos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza o ciclo de concertos “ST Música Presente 2012” que se abre este xoves, día 22, no Salón Teatro de Santiago co folk galego do grupo Liorna. Con esta acción a Consellería, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), promove os traballos discográficos galegos de todos os estilos. A banda de Marín presentará a partir das 21:00 horas os temas do se seu novo traballo, Sarahyba, que segue na liña folk habitual, baseada na tradición galega aínda que con pinceladas actuais.
Como nas anteriores ocasións, o espazo escénico do Centro Dramático Galego (CDG) será a sede da nova edición deste programa de recitais, que na súa cuarta entrega realízase en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono) para acoller tamén os directos protagonizados por Riobó (26 de abril) Borja Cao Trío (10 de maio), Ugía Pedreira&Fred Martins (7 de xuño) e Loaira (14 de xuño).
Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura, Educación e ordenación Universitaria ofrécelles ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia. Os concertos ábrense, así mesmo, a todos os espectadores interesados, para o que se establece un prezo especial de 5 euros por entrada.
Linguaxe folk diferenciada
Desde 1996, Liorna elixiu o camiño máis difícil para converterse nunha das realidades máis frescas e puxantes do panorama folk de Galicia. Mentres resulta habitual que as formacións e solistas do xénero recorran ao repertorio tradicional para configurar os seus discos, a banda marinense apostou desde o principio polas súas letras e a súa música, á procura dunha linguaxe propia diferenciada.
Os Liorna conseguiron chegar á final do Certame Folk de Galicia 1996 sendo aínda uns descoñecidos dentro dos circuítos musicais deste estilo, e dous anos despois fixeron o seu debut discográfico coa compañía de Mercedes Peón por medio de cinco cancións que serviron para que a crítica musical os considerase un dos grupos revelación máis interesantes da música folk galega. Tras unha xira de concertos por toda Galicia, Edicións do Cumio ofreceulles a oportunidade de publicar o seu primeiro disco de longa duración, que viu a luz en 2000. Os once temas deste traballo, titulado Liorna, reflectían a inquietude e a creatividade do grupo, e supuxeron unha verdadeira declaración de principios con grande acollida por parte da crítica. Os propios membros do grupo encargáronse da escrita, da composición e dos arranxos dos temas. En 2005 publicaron un novo disco de estudio, Ruído Branco, que tamén edita Edicións do Cumio, onde se plasma de xeito especial a distinta visión que teñen os seus compoñentes de abordar o xénero folk e a súa fusión con distintas tendencias. En 2008 participaron xunto á Sinfónica de Melide no espectáculo Gallaecia, que fai un percorrido a través das etapas polas que evolucionou a música galega.
Novas sonoridades
No seu cuarto traballo discográfico, Sarahyba (Edicións do Cumio, 2010), preséntanse dez composicións que retroceden á orixe do grupo en canto á estrutura e temática das súas cancións, aderezadas con novas sonoridades. Para a súa produción, contaron coa colaboración do cantautor brasileiro Gustavo Almeida e da violinista Begoña Riobó. Ademais, dous temas foron gravados en directo no Teatro Colón da Coruña dentro do espectáculo Gallaecia, acompañados pola Orquestra Sinfónica de Melide e das Pandereteiras da Agrupación Trompos aos Pés.
Xunto a Alberto Lago (gaita e piano), forman parte de Liorna os seus irmáns Carlos (batería) e Luis (percusións), Javier Rabanal (baixo), Jaime Reboyo (zanfona e saxo soprano), Rafael Maquieira (guitarra), Montse Ogando (voz e piano) e Tania Garrido (voz).
Próximos concertos
“ST Música Presente” continuará coa violinista folk Begoña Riobó, que chegará ao Salón Teatro o 26 de abril para presentar o proxecto musical que lidera. Riobó é o nome do grupo de Begoña e tamén o título do seu primeiro traballo discográfico, que se caracteriza polo virtuosismo dos seus músicos á hora de arranxar e interpretar melodías da tradición galega, sendo fieis ás súas formas e orixe.
O 10 de maio será a quenda do pianista ourensán Borja Cao, que dará a coñecer o seu segundo disco The future is green no que mestura sons clásicos do jazz con músicas tropicais e ritmos electrónicos. Xa en xuño, este programa ofrecerá o día 7 un concerto a cargo de Ugía Pedreira e Fred Martins, que interpretarán en directo os temas de Acrobata, o resultado pop do achegamento da música popular brasileira coa música popular galega. E unha semana despois, o día 14, a música tradicional galega volverá de novo coa actuación do trío musical Loaira que, coa presentación do seu álbum de debut homónimo, pechará este novo ciclo de “ST Música Presente” .
Todas as actuacións terán lugar ás 21.00 horas. As entradas para o concerto de Liorna poden adquirirse a través da billeteira electrónica da 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es [2]. No despacho de billetes do Salón Teatro poranse á venda a partir das 19:00 horas.
File:
