A escritora Arantza Portabales obtén o Premio Clubs de Lectura 2024 [1]
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recoñece a esta autora galega por ser a máis lida nas bibliotecas escolares durante este curso
Co gallo da celebración do Día do Libro, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP anuncia que a escritora Arantza Portabales obtén o Premio Clubs de Lectura 2024 [2] por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante este curso escolar.
Este premio, que se creou no ano 2015, ten por obxecto recoñecer o labor dos autores con obra en lingua galega que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese dos lectores que participan nos clubs.
Ata o momento recibiron o premio os escritores Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado, Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras, Eva Mejuto, Antía Yáñez e Manuel Núñez Singala. Todos eles, comprometidos coa lingua galega, axudan á construción de lectores nas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono.
Arantza Portabales é unha das autoras máis seguidas polo lectorado xuvenil galego. Comezou a escribir en 2013 no xénero do microrrelato. No 2015 publica o seu primeiro libro en galego e colleita case unha decena de galardóns, como o premio á mellor novela europea traducida do Casino de Santiago de Compostela con Deixe a súa mensaxe despois do sinal ou o premio Manuel Murguía de relato con Xanelas, entre outros.
432 centros participantes
Este curso, un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación, desenvolven clubs de lectura [3] nas súas bibliotecas grazas ao apoio da Xunta, que destina un total de 400.000 euros a este programa. O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Educación, enmarcada no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021-2025, é fomentar e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado, como son a comunicación lingüística, as competencias sociais, culturais e sociais, entre outras.
Por provincias, 162 dos centros integrados son da Coruña (24 de nova incorporación), 60 de Lugo (cinco novos), 54 de Ourense (seis novos) e 155 de Pontevedra (18 novos).