Anxo Lorenzo destaca as industrias culturais e creativas como un sector estratéxico para o desenvolvemento da Eurorrexión [1]
O secretario xeral de Cultura inaugurou hoxe en Guimarães a segunda xornada da conferencia internacional As industrias creativas como chave para o futuro, na que se presentan os datos máis recentes do sector de Galicia e do Norte de Portugal
O director da Agadic deu a coñecer a situación actual do tecido empresarial galego durante a xornada de hoxe e tamén na de onte, que tivo lugar en Santiago

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, falou esta mañá das industriais culturais e creativas como un sector estratéxico para o desenvolvemento socioeconómico do Eixo Atlántico. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizou estas declaracións na inauguración da segunda e última xornada da conferencia internacional As industrias creativas como chave para o futuro: análise e perspectivas, que se desenvolve hoxe en Guimarães, como parte da programación que desenvolve a cidade lusa como Capital Europea da Cultura 2012.
No marco do seminario, que iniciou a súa primeira xornada onte na Cidade da Cultura de Galicia, inclúense diversos relatorios para dar a coñecer o estudo As industrias creativas en Galicia e o Norte de Portugal: análise cuantitativa, que a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da eurorrexión (GNP-AECT) elaborou ao longo de 2011, en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e coas entidades portuguesas Agência para o Desenvolvimento das Indústrias Criativas (ADDICT) e Agência Metropolitana de Desenvolvimento Regional (Primus).
Coñecemento da realidade do sector
Anxo Lorenzo afirmou que a planificación do traballo nas administracións e as decisións do propio sector se deben abordar “desde o rigor e o coñecemento da realidade na que nos atopamos”. Nese sentido, “o estudo da situación do sector nunha beira e na outra do Miño é fundamental para establecer o punto de partida da análise do futuro e esta conferencia permítenos, sen dúbida, avanzar nesta dirección”, explicou.
Xunto co secretario xeral de Cultura tamén participou na conferencia en representación da Xunta de Galicia o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos Fernández Fasero, que presentou nun relatorio as principais conclusións do estudo sobre a situación actual do tecido empresarial das industrias creativas e culturais de Galicia, como xa o fixo onte na xornada desenvolvida en Santiago de Compostela.
Conclusións
Segundo se recolle no estudo, as industrias culturais e creativas de Galicia e do Norte de Portugal suman máis de 7.400 empresas –sociedades mercantís na meirande parte dos casos– e unha facturación de 2.323 millóns de euros anuais, segundo os datos que figuran nos correspondentes rexistros mercantís e que ofrecen magnitudes totais moi similares a ambas beiras do Miño.
O informe analiza os últimos datos mercantís dispoñibles, con data de xaneiro de 2010, segundo os que as empresas culturais e creativas da Eurorrexión dan emprego a máis de 29.000 persoas. Trátase, neste sentido, do estudo máis completo de todos os realizados ata o momento na Península Ibérica, aínda que non analiza os datos correspondentes a autónomos, administracións públicas ou asociacións. De feito, no caso de Galicia analízanse os datos dun total de 3.814 empresas que presentan contas no Rexistro Mercantil, mentres que o Directorio Central de Empresas do INE (Instituto Nacional de Estadística) ten rexistrado en 2011 un total de 13.543 empresas no ámbito das ICC.
As conclusións extrapolables tanto a Galicia como ao Norte de Portugal confirman o dinamismo deste sector, que destaca tamén pola súa capacidade para xerar emprego aínda en contextos de crise e que, a pesar da súa atomización, conta con “empresas de referencia internacional” e cun gran “potencial de crecemento fronte a sectores máis maduros”.