O conselleiro de Cultura e Educación salienta a importancia de “abrirlles aos nenos as portas do galego como primeiro paso para abrírllelas ao plurilingüismo” [1]
Xesús Vázquez Abad presidiu a celebración do Día Internacional da Lingua Materna na Escola Infantil do Centro Príncipe Felipe, en Pontevedra
O acto desta décimo terceira edición foi organizado pola Xunta de Galicia, en colaboración coa Deputación de Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a importancia de “abrirlles ás nenas e aos nenos as portas do galego como primeiro paso para abrírllelas ao plurilingüismo”, unha tarefa na que ten un papel fundamental o traballo que está a desenvolver a Consellería que dirixe, a través da secretaría xeral de Política Lingüística. Na celebración do Día Internacional da Lingua Materna, acto presidido polo conselleiro na Escola Infantil do Centro Príncipe Felipe (Pontevedra), Vázquez Abad destacou o valor do plurilingüismo, “que garantirá o éxito dos máis novos nun mundo cada vez máis esixente, aberto e complexo”. “Ese é o noso obxectivo: contribuír ao esforzo común polo futuro dos nosos pequenos, un futuro que ha conxugarse, tamén, en galego”.
Co gallo desta celebración, na que estivo acompañado polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e o director do Centro Príncipe Felipe, José Manuel Fernández, o conselleiro incidiu na necesidade de transmitir a lingua propia de Galicia, “que leva aparellada unha cultura singular”, “un patrimonio que debemos transmitir ás próximas xeracións para que elas, coma as anteriores, poidan continuar construíndo a súa identidade individual e colectiva arredor da lingua galega, igual ca as xeracións pasadas”.
Vázquez Abad sinalou o papel integrador plurilinguismo no ensino, ao que lle dedica este ano a UNESCO o Día Internacional da Lingua Materna. Neste sentido lembrou que a tarefa de transmitir a lingua, como a de educar, é compartida por familias e docentes, cun papel fundamental de apoio das escolas infantís “á hora de garantir que os nosos pequenos medren rodeados de cariño e, nese ambiente de afecto, entren en contacto coa lingua galega”.
A Escola Infantil do Centro Príncipe Felipe – dependente da Deputación de Pontevedra- celebrou hoxe o Día Internacional da Lingua Materna con este acto institucional que incluíu o concerto musical para bebés e familias “Arrolos no colo da fala”, a cargo dos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández.
Diversidade para a inclusión
Con esta 13ª edición do Día Internacional da Lingua Materna a UNESCO incide na importancia do plurilingüismo para unha educación inclusiva, apoiándose en estudos de investigación que demostran que a diversidade lingüística acelera a consecución dos Obxectivos do desenvolvemento do milenio, en especial os obxectivos da Educación para todos.
Doutra banda, a UNESCO traballa neste sentido no uso das tecnoloxías móbiles no ámbito educativo, que combinadas co plurilingüismo multiplican a súa capacidade de acción como motor para a educación inclusiva nos nosos días.
Día Internacional da Lingua Materna
Desde o ano 2000, a UNESCO celebra cada 21 de febreiro o Día Internacional da Lingua Materna. A Xunta de Galicia leva tres anos sumándose a esta efeméride orientada a promover a transmisión interxeracional das linguas non maioritarias co fin de fomentar o pluralismo lingüística e, da súa man, a diversidade cultural da humanidade, aos que Galicia contribúe coa súa lingua propia, o galego.