A Consellería de Cultura e Educación estuda o cofinanciamento das obras de posta en valor do Castelo de Santa Cruz na Guarda [1]
O director xeral do Patrimonio Cultural vén de reunirse coa deputada autonómica Fátima Iglesias para impulsar as xestións da posible tramitación dun convenio de colaboración co concello da Guarda para a rehabilitación desta fortaleza
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estudará o cofinanciamento de ata un máximo de 129.000 euros para a posta en valor do Castelo de Santa Cruz na Guarda. O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, reuniuse hoxe coa deputada autonómica e portavoz do grupo popular na Guarda, Fátima Iglesias, para impulsar a tramitación dun convenio de colaboración co concello pontevedrés.
Deste xeito, o director xeral de Patrimonio comprometeuse a iniciar os trámites para unha posible colaboración co concello da Guarda para a rehabilitación do Castelo de Santa Cruz. A Xunta de Galicia financiaría o 12,5% das obras de posta en valor deste ben histórico e o concello pagaría o outro 12,5%. O Ministerio de Fomento, a través do programa para o 1% cultural, financiará o 75% restante. O custo total das obras ascende a 1.033.931 euros.
O castelo de Santa Cruz é unha fortificación que se iniciou en 1663, no reinado de Felipe IV, tras a toma de Goián polas tropas portuguesas. O castelo está incluído no Sistema Fronteirizo Atlántico da Guarda-Ínsua-Caminha na desembocadura do río Miño. Esta fortificación defensiva pertence ao modelo de construción abaluartada e esta situado nunha paisaxe urbana sobre unha elevación próxima ao mar e fronte aos montes Santa Tegra ao sur e O Terroso ao norte. O castelo posúe un gran valor histórico cultural e contribuirá para dinamizar turisticamente o concello da Guarda.