Valentín García asiste ao encontro institucional cos seus homólogos do País Vasco, Cataluña e Navarra [1]
O novo secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación mantivo un xuntanza na que continuaron avanzando na cooperación en materia de política lingüística
Os catro gobernos participan nun marco de traballo conxunto desde o que promoven diversas iniciativas

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, asistiu hoxe a un encontro celebrado en Bilbao cos membros españois que participan xunto con Galicia na Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística en Europa (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD).
Na reunión, celebrado na sede do Goberno vasco, estiveron presentes Lourdes Auzmendi, viceconselleira do Goberno Vasco; Yvonne Griley, directora xeral de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña e Maximino Gómez director-xerente de Euskarabidea, Instituto Navarro do Éuscaro.
Na xuntanza os temas a tratar centráronse na participación dos catro gobernos na NPLD, así como no seguimento dos proxectos que ten en marcha esta rede, nos que tamén participa a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A NPLD centra o seu traballo na cooperación e no traballo a prol da promoción da diversidade lingüística no contexto europeo. Para isto, constitúese como unha rede paneuropea que integra un total de 28 entidades, entre as que se inclúen gobernos, organismos e asociacións que teñen como cometido a promoción da diversidade lingüística no contexto dunha Europa plurilingüe.
Protocolo de colaboración
Outro dos temas a tratar foi o protocolo de colaboración en materia de política lingüística, asinado en 2007 polos gobernos de Galicia, País Vasco e Cataluña. No marco deste protocolo promóvese o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado, cuxo obxectivo é recoñecer o labor realizado por persoas, entidades ou empresas que contribúen á promoción e á incorporación da diversidade lingüística no Estado español.
Cooperación autonómica en materia de política lingüística
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e os departamentos correspondentes de Euskadi, Cataluña e Navarra manteñen un diálogo permanente no tocante á promoción das súas linguas propias a través da participación conxunta en diversos proxectos.