Convocadas as axudas á edición de libros de texto para favorecer a aprendizaxe en galego nas aulas [1]
A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública unha orde de subvencións dirixida ao sector editorial para a edición de material educativo en galego
O prazo para presentar as solicitudes está aberto desde mañá ata o 3 de febreiro

Garantir unha oferta ampla e de calidade de material educativo que favoreza a aprendizaxe do galego nas aulas. Este é o principal obxectivo da convocatoria de axudas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.
Trátase da nova orde de subvencións á edición de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, tanto en formato impreso como en formato dixital. A convocatoria tamén contempla a realización de recursos educativos que os complementen, isto é, calquera tipo de material que contribúa a afondar no coñecemento dos bloques temáticos recollidos nos currículos.
As empresas do sector editorial, destinatarias da convocatoria, poderán solicitar ata o próximo día 3 de febreiro estas axudas, cuxa contía total ascende a 300.000 euros.
Criterios de concesión
A valoración das propostas realizarase, por unha banda, en función da calidade da obra, para o que se terá en conta a adaptación dos contidos ao currículo establecido, a calidade lingüística, o tipo de actividade, a adecuación á realidade cultural e social de Galicia, a relación dos contidos cos intereses do alumando ao que vai dirixido, o tratamento de valores democráticos e a adecuación da linguaxe ao nivel dos estudantes. Por outra banda, tamén se terá en conta a orixinalidade da obra: primarán as obras de creación propia sobre as de refundición ou adaptación.
Unha vez valorados estes aspectos, aplicaranse criterios de priorización económica para os proxectos que se encadren nos seguintes ámbitos de ensino: materiais para aulas virtuais (Programa Abalar), materiais específicos de atención á diversidade e programas de cualificación inicial e programas de diversidade curricular, educación infantil, áreas de impartición non obrigatoria en galego e materiais que estean destinados ao alumnado inmigrante e/ou que utilicen soportes audiovisuais.
Favorecer a aprendizaxe en galego
Con estas axudas, a secretaría xeral apoia a produción editorial en galego, concretamente aquela que garante unha oferta suficiente de materiais didácticos curriculares de calidade e en soportes diversos. Estes recursos favorecen a aprendizaxe en lingua galega no sistema educativo non universitario. En consecuencia, contribúen a que o alumnado acade unha competencia lingüística plena en galego e semellante á do castelán, tal e como establece a Lei 1/1983, do 15 de xuño de 1983, de normalización lingüística e o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.