As universidades públicas galegas incorporan á súa oferta tres graos, cinco másteres e dous programas de doutoramento novos para o vindeiro curso 2021-22 [1]
O Diario Oficial de Galicia publica a orde pola que se autorizan as novas titulacións, logo de que obtiveran o visto e prace do Consello Galego de Universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Consejo de Universidades
As tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) incorporarán á súa oferta académica para o vindeiro curso un total de dez titulacións a razón de tres graos, cinco másteres e dous programas de doutoramento novos para o vindeiro curso 2021-22.
A oferta destas novas titulacións faise efectiva no Diario Oficial de Galicia [2] de hoxe, coa publicación da orde de implantación de ensinanzas universitarias en Galicia. Todas as titulacións recibiron o visto e prace do Consello Galego de Universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Consejo de Universidades.
Graos novos
No que atinxe aos novos títulos de grao, inclúense dous na rama de Humanidades, un para a Universidade de Santiago de Compostela e outro na Universidade de Vigo. Así pois, a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo (USC) ofertará o vindeiro curso o grao en Xestión Cultural, con 45 prazas a razón de 25 na modalidade presencial e 20 na semipresencial. A impartición deste grao inicia o proceso de extinción do Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural.
O outro desta rama é o grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española, que se impartirá na Facultade de Filoloxía e Tradución do Campus de Vigo (UVigo). Neste caso ofértanse 50 prazas e o grao contará con dúas especialidades ou mencións, que son a Mención galego e a Mención Español. A impartición deste grao inicia o proceso de extinción do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios no mesmo campus e centro.
Así mesmo, a Universidade da Coruña (UDC) ofertará o grao de Máquinas Navais, que se poderá cursar na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas no campus herculino. O grao disporá de 50 prazas en modalidade presencial e dúas mencións, unha en Enerxía e Propulsión e outra en Oficial Electrotécnico. A impartición deste grao inicia o proceso de extinción do grao en Tecnoloxías Mariñas.
Listado de titulacións novas:
UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA |
UNIVERSIDADE DA CORUÑA |
UNIVERSIDADE DE VIGO |
*Grao en: - Xestión Cultural (reverificación) *Máster Universitario en: - Tecnoloxías en Marketing e Comunicación Política (reverificación) - Sistemas Aéreos Non Tripulados, conxunto coa UVIGO (reverificación) - Xerontoloxía, conxunto coa UDC (reverificación) - Xornalismo e Comunicación Multimedia: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento (reverificación) *Programa de Doutoramento en: - Matemáticas e Aplicacións (proxecto POCTEP UNISF) conxunto coa UDC e UVIGO - Agricultura e medio ambiente para o desenvolvemento (reverificación) |
*Grao en: - Máquinas Navais (reverificación) *Máster Universitario en: - Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo, conxunto coa Università degli Studi di Napoli Federico II e a University of Zagreb. - Xerontoloxía, conxunto coa USC (reverificación) *Programa de Doutoramento en: - Matemáticas e Aplicacións (proxecto POCTEP UNISF), conxunto coa USC e UVIGO
|
*Grao en: - Filoloxía Aplicada Galega e Española (reverificación) *Máster Universitario en: - Sistemas Aéreos Non Tripulados, conxunto coa USC (reverificación) *Programa de Doutoramento en: - Matemáticas e Aplicacións (proxecto POCTEP UNISF), conxunto coa UDC e USC |
*Reverificación: Substitúe outros graos xa implantados que inician a súa extinción