O conselleiro de Educación entrega os Premios FP Idea 2011 aos mellores proxectos empresariais e ideas innovadoras [1]
Xesús Vázquez Abad destacou o esforzo do alumnado titulado en ciclos superiores de FP para poñer en marcha iniciativas emprendedoras
Video:

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe os premios da segunda edición do certame FP Idea 2011, impulsado polo departamento educativo da Xunta de Galicia para potenciar a creación de novas empresas así coma o espírito emprendedor do alumnado galego, coa finalidade de que estes proxectos repercutan no futuro económico e social de toda Galicia.
Con estes premios recoñécese o traballo do alumnado na elaboración de proxectos empresariais en posta en marcha de ideas innovadoras, así como o labor de titorización dos seus profesores no desenvolvemento dos seus traballos.
No acto celebrado no CIFP Politécnico de Santiago, estiveron acompañando ao conselleiro os directores do propio centro, así como o de Educación e o de Centros e Recursos Humanos; José Manuel Leis Blanco, José Luis Mira e José Manuel Pinal. No acto tamén estivo presente a directora de BIC Galicia, María Teresa Cancelo Márquez.
Recoñecemento ao traballo
Neste sentido o conselleiro dixo que “este certame recoñece os proxectos e ideas do alumnado participante, e o labor do profesorado que apoia a súa realización. O elevado número de participantes confirma que estamos no bo camiño e que premios coma este incentivan e recollen os froitos dun traballo calado e constante. Os meus parabéns son para todos eses participantes –37 proxectos presentados; 21 ideas a concurso- así como ás profesoras e profesores que teñen demostrado, ben ás claras, un elevado grao de compromiso co seu labor”.
Asemade Vázquez Abad destacou que “hoxe se concentran aquí algúns dos mellores expoñentes galegos do espírito emprendedor, motor da innovación, da competitividade e do crecemento da economía”, ao que engadiu que “o Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, consolídase como marco de coordinación das sinerxías en materia emprendedora que actúan sobre os sistema educativo. O noso obxectivo é que o alumnado, desde as etapas máis temperás, acade unha cultura de creación e valoración da empresa. A actual crise ensínanos que a realidade económica debe estar nos centros educativos, para que as rapazas e rapaces saiban valorar os esforzos precisos para manter solidariamente o estado de benestar”.
Premiados
Na modalidade de idea innovadora o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, en colaboración con BIC-Galicia, distribuíu os premios entre os diferentes sectores produtivos. Así, “Marsupia, canguros a domicilio” composto por Cristina Forja Luque, Mirian García Martínez, Catherine Mourin Varela e Noelia Suárez Gerpe, baixo a titoría do mestre Arturo Iglesias Fernández, do CIFP Anxel Casal Monte Alto da Coruña foi recoñecida como mellor idea do sector servizos.
No sector do pequeno comercio, a mellor proposta foi “Greenmet”, realizado por Albanis Alicia Martínez Castillo e Karely Otero García, titorizadas pola profesora María Sanz Vázquez, do CIFP Someso da Coruña. A mellor idea do sector do medio rural e marítimo tamén recaeu no CIFP Someso da Coruña e foi “Arrechégate” de Ana Rodriguez Liñares e Francisco José Serantes, titorizados pola profesora María Sanz.
No sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICS) resultou premiada “MSS Beacon”, realizada por Héctor Rodríguez España e Jaime Montero Martínez, titoría do mestre Antonio Gonzaléz Fernández do IES de Fene. Mellor proposta no eido ambiental foi “Virtus Auditores” dos alumnos Raquel Pérez Groba, Eloy Barcía Pérez e Francisco Javier Lobeira Villar, titorizados polo profesor Alberto Pereira López do IES As Mercedes de Lugo. Por último, como mellor idea do sector da contorna industrial foi recoñecida “Friame de polvo galego”, de Daniel Temprano López e Jose Antonio Vidal Pillado, con titoría da profesora Concepción Ferreiro Franco do CIFP Paseo das Pontes da Coruña.
Na modalidade de proxecto de empresa entregáronse tres premios. O primeiro deles recaeu en “Me lo dijo un pajarito”, de José Fernández Montero, Lourdes García Gómez e Laura Blanco Ríos, tirorizados polo mestre José Antonio Pérez Torres, do IES Ricardo Mella de Vigo. O segundo premio foi para “Cocina a domicilio” realizado por Gonzalo Álvarez Losada, Carlos Graña Morales e Nerea Pérez Rial, coa titoría do profesor Juan Ferradás Bautista, do CIFP Manuel Antonio de Vigo. Finalmente, recoñeceuse co terceiro premio o proxecto “T-Music” de Emanuel Rivolta de Sosa e Marcos Camba Martínez, apoiados polo profesor Francisco Álvarez Pérez, do IES Luis Seoane de Pontevedra.
Cómpre sinalar que os premiados percibiran unha dotación económica que axudará a posta en marcha dos proxectos. Asemade terán a posibilidade de incorporarse aos viveiros de empresa dos centros educativos. Pola súa bando os profesores que se encargaron dos respectivos proxectos gañadores recibiron un premio en forma de equipamento informática.
Emprendemento e oportunidades profesionais
O acto de entrega de premios completouse coa mesa redonda ‘O emprendemento, unha oportunidade profesional’, na que compartiron as súas experiencias Isabel Santín Gago, titulada en FP que puxo en marcha a empresa SB de solucións informáticas; Javier Represas Seoane, socio consultor de Bridgedworld; e David Bello Gacio, premiado na cuarta edición do campus de emprendedores Seedrocket polo seu proxecto Webphone. Tamén participaron o profesor do CIFP Manuel Antonio Juan Ferradás, e o técnico de BIC Galicia Enrique Gómez.
Na xornada de hoxe presentáronse ademais as diferentes iniciativas postas en marcha ao abeiro do Plan de Emprendemento ‘eduEmprende’, no que se enmarca este certame FP Idea, e que ten como finalidade fomentar a capacidade emprendedora, persoal e profesional do alumnado, potenciando o desenvolvemento de proxectos de tipo empresarial e liñas de negocio innovadoras.
Fomentar o espírito emprendedor
Mediante o apoio de iniciativas coma estas, a Consellería de Educación pretende fomentar o espírito emprendedor do alumnado galego, apoiando proxectos empresariais innovadores e con proxección de futuro dos que toda a sociedade galega poida beneficiarse. Deste xeito poténciase o nacemento de novas empresas e polo tanto a creación de emprego, a prol do crecemento económico de Galicia.