Educación impulsa a calidade da FP galega a través da convocatoria de proxectos de formación para o profesorado [1]
A Consellería vén de convocar 60 proxectos deste tipo, que se desenvolverán nos centros que impartan formación profesional
O obxectivo é adaptar os coñecementos dos docentes aos novos currículos LOE
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de dar un novo impulso á calidade da Formación Profesional galega coa convocatoria de 60 proxectos de formación en centros para profesorado de FP neste curso 2011/2012.
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad quere, deste xeito, dar resposta ás necesidades de formación do profesorado, cubrindo aquelas derivadas da implantación dos novos títulos de FP establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006,de 3 de maio, de Educación (LOE).
Desta forma a Consellería continúa a desenvolver a estratexia de apoio e posta en valor da FP como un sistema de oportunidades, tanto formativas como de empregabilidade, no actual contexto económico.
A convocatoria contempla a autorización dun máximo de 60 proxectos de formación do profesorado de formación profesional, nos centros educativos que impartan estas ensinanzas, para impulsar proxectos que nazan da identificación dunha área de mellora, a partir da detección de necesidades e da autoavaliación da súa práctica. O profesorado do centro educativo realizará o recoñecemento da área de mellora, mediante procesos de identificación, clasificación, categorización e formulación, para o que contará coa orientación e o asesoramento do persoal asesor de formación profesional dos centros de formación e recursos e do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).
As propostas que concorran á convocatoria deberán atender a aspectos xerais dos ámbitos científico, técnico, curricular, organizativo e de investigación educativa adaptados ao modelo do centro, e contar co compromiso de implantación ou de aplicación para propiciar o cambio e a innovación.
Cada proxecto poderá incorporar profesorado de diferentes centros que comparta a súa necesidade de formación, conformando un grupo de entre 4 e 12 participantes. O grupo elaborará un proxecto de formación dun mínimo de 20 horas e dun máximo de 50 horas, durante o curso académico 2011-2012. Haberá dúas fases de selección e aprobación, a primeira no mes de novembro de 2011 - inscrición ata o día 14 de novembro- ) e a segunda no mes de xaneiro de 2012 -preinscrición ata o día 9 de decembro-.
A comisión de selección valorará, á hora de aprobar os proxectos, a súa relevancia innovadora, a adecuación ás liñas prioritarias propostas na convocatoria e o rigor e coherencia na elaboración do mesmo e na concreción dos obxectivos, dos contidos e do orzamento. As propostas seleccionadas han contar cun orzamento máximo de 1.500 euros, para o seu desenvolvemento.
Obxectivos e liñas prioritarias
Con esta convocatoria a Consellería quere promover a formación e actualización metodolóxica e científico-tecnolóxica dos equipos docentes a través do traballo colaborativo e do fomento da súa autonomía, partindo da experiencia e da capacidade do profesorado, e co fin de que poida abordar con eficacia todas as situacións do proceso de ensino e aprendizaxe e no desenvolvemento das funcións que debe desempeñar.
Así, as liñas prioritarias pasan pola posta en práctica e a avaliación de accións que repercutan na mellora da calidade dos procesos curriculares e organizativos, a través da elaboración de programación, a mellora da xestión dos centros e departamentos e da orientación profesional ao alumnado, ou da transferencia do coñecemento dos procesos e dos medios do sector produtivo á aula.
Os docentes que desexen ampliar a información sobre esta convocatoria poden facelo consultando o portal educativo da Consellería de Educación, no enlace http://www.edu.xunta.gal/fp/convocatoria-proxectos-de-formacion [2].
Impulso da FP
A consellería de Educación continúa, con esta iniciativa, coa súa estratexia de impulso da FP, grazas á que á matrícula nestas ensinanzas - segundo as estimacións deste departamento - podería acadar os 42.000 alumnos- o que suporía un incremento do 23% dos estudantes nestes ciclos formativos desde o comezo da lexislatura, unha porcentaxe superior á da media nacional
Este incremento produciuse grazas ao traballo desenvolvido pola Consellería para dar resposta ás demandas das galegas e galegos, para o que se crearon para este curso sete novos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), o que significa un incremento na oferta de máis de mil prazas. Ademais, o departamento educativo da Xunta está a desenvolver un intenso traballo para adaptar os currículos dos ciclos formativos á Lei Orgánica de Educación e á Lei das Cualificacións Profesionais. De feito, no que vai de lexislatura xa se teñen adaptado 41 currículos a estas esixencias.